Hoxe á mañá, ben cedo, recibín unha mensaxe multimedia no meu móbil. Apareceu isto:

Pouco despois chamábame un amigo entusiasmado. Estaban levando a cabo obras de restauración na vella casa familiar. Remexeran un pequeno muro que, orixinalmente, tapaba os sillares da fachada da casa, da parte máis antiga do edificio -que, como acontece coas casas do mundo rural, pouco a pouco se foron ampliando nos últimos séculos. E a súa sorpresa foi atoparse este sillar con esta estrela de David. Aínda que nas fotos que me enviou non se aprecian demasiado, a estrela ten, á esquerda, dúas cruces. A chave atopouse tamén remexida no chan da casa e dá unha idea do tamaño da estrela.
Eu só teño visto un caso similar: o baixorrelevo dunha estrela de David -máis elaborada- que aparecera na fachada dunha casa da Pobra do Caramiñal. A familia propietaria da casa tiña desde tempos inmemoriais o alcume de Os Xudeus. Aínda así, as dúas cruces gravadas ao carón intríganme. E tamén o feito de que o contexto, a casa, está bastante lonxe de núcleos urbanos da época medieval e inserida no medio do mundo rural.
Alguén coñece máis sobre este tipo de gravados?

Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 


{ 14 comments… Le abaixo ou engade o teu }
eu diría que a esa “estrela de David” lle falta unha punta para selo.
Non, no pasado os xudeus empregaron tanto pentagramas como heptagramas como símbolo do nome de Deus. Pentas e heptas eran signos de protección máxica, por certo, e colocábanse nas portas da casa, talismáns, etc.
nin a estrela tan mal feita nin o feito de ser nunha aldea (os xudeus non podían ter terras) lle dan moito creto a esta historia.
teño cheirado bastante o rastro xudeu en gz e nunca vira unha estrela de cinco puntas relacionada co xudaismo.
en todo caso axudaría saber cando foi construída a casa. ou é de antes do XVI ou complicado… o criptoxudaísmo practicamente non existiu en galicia.
Arg, non sei a que historia hai que dar creto, por aquí e por agora só está o feito dese gravado, o seu contexto e a súa ubicación. A orixe xudea pode ser, polo de agora, unha posibilidade como calquera outra, xa que na época medieval os xudeus empregaron tanto o pentagrama como o heptagrama e empregábana no exterior das casas. Repito o que digo no post: o estraño é o contexto rural e as cruces ao carón. Aínda que a casa sexa moi vella, ademais, pode ter sillares reaproveitados vai ti saber de onde. Está documentado no século XV, na revolta irmandiña, por exemplo, como moita pedra dos derrubados castelos galegos, por exemplo, levouse quilómetros a distancia para casas particulares de labregos, mosteiros, etc. Non sería o máis lóxico pechar hipóteses.
Tes visto, entón, outras casas en Galicia con estrelas de David? Onde? Tiñan outras gravuras asociadas? Estou bastante interesado nesa historia.
Penso recordad que hai unha ben centrica en Compostela (desculpa pero este teclado non acentua). Son da teoria de que e un sillar da antiga sinagoga, da que existe constancia da sua ubicacion, da sua demolicion e do emprego de parte da canteria e do solar para a construccion da antiga igrexa da Compañia. A proximidade doutro sillar con caracteres probablemente hebraicos (terei que pasarme por ali para comprobalo) reforza a miña teoria.
Agora ben, respecto o caso pobrense teño varias hipoteses:
- A construccion e anterior o S.XVI (na miña opinion, pouco probable).
- A construccion e posterior pero reaproveita sillares dunha precedente, for no mesmo solar ou noutra parte da vila.
Eu descartaria o do criptoxudaismo. Por outra banda, como non sei nada sobre a presenza xudia na zona do Caramiñal, tampouco sei se houbo sinagoga, por exemplo. Iso si, en Noia parece que si que esta documentada a presenza dunha pequena comunidade xudia no S.XV.
Por certo ¿Algunha das familias propietarias desas casas non levara por apelido Espiño? Seica foi un dos apelidos mais empregados polos xudeus conversos (ou aparentemente conversos) na zona de Galicia e seica ten a mesma orixe que o apelido do filosofo, tamen xudeu, Spinoza.
Son os datos que me veñen a cabeza.
E unha ultima pregunta, de obseso dos gravados, ¿Por encima da estrela non hai un trazo horizontal moi erosionado?
Gourmet, para quen lle interese lle aclaramos a ubicación da de Santiago. A estrela á que te refires está na Praza de Mazarelos, no muro da Igrexa da Compañía.
Gourmet, a estrela que posteo non está na Pobra do Caramiñal, senón bastante lonxe do Barbanza, no Sur de Galicia.
Non vin persoalmente o do trazo superior, pero voullo comentar ao descubridor. En todo caso, dúas cousas: a) noutra foto máis xeral, apréciase que esta pedra podería vir doutro lugar. b) Hai outra pedra que ten, aparentemente, caracteres escritos. Non a posteei aquí porque recoñecelos xa é moi de profesionais e nin eu mesmo o tiña moi claro. Heicha de mandar por correo a ver que che parece.
Aprobado en compostelanismo recóndito.

Pola parte da Ribeira Sacra, na casa de meus avós había unha similar. A pégada xudea que queda por aló é o aturuxo de “papeiros” e “rabudos” que se cruzan ás dúas beiras do río, (do Papa e do Rabino) seica pola maioría cristiá e xudea que en tempos había de cada un dos lados.
Andaime, descoñecía o dos aturuxos dos papeiros e canón do río ou está máis ben estendido?
Penso que sobre o das estrelas de 5 e 6 puntas tamén as hai nalgunhas igrexas por fora, pero agora non lembro onde as vin.
Sobre o das palabras,
en Dacón xente da miña familia chamáballe aos cas “xudíos” cando eran moi peludos,
tamén cando unha laranxa é áceda, díse que é “rabina” (terá algo que ver cos xudíos?)
As poboacións xudeas en sitios tan coñecidos con presencia xudea coma Ribadavia, Allariz e Ourense serían un número de 50-60 xudeus por vila, segundo Carlos Barros. Fora das vilas dubido que houbera un só xudeu…
Respecto á anécdota dos aturuxos, descoñezo se hai cousas similares noutros lugares. Do que eu saiba, estes “desafíos” en concreto eran cousa da zona do Miño entre Lemos e Chantada, os “rabudos” eran, claro está, os da parte lemesa.
Comenta o autor que na “fachada dunha casa da Pobra do Caramiñal” hai unha estrela de David semellante a esta, pero máis elaborada. Esta, coma pentáculo invertido, é a estrela de Moloch ou cabeza de asno, e é un talismán negativo, a menos que a pedra esté dada a volta, como parece indicar o feito da pequena traza horizontal que se sitúa por riba da peza orixinal. Tal e coma nos números da lotería se distinguen o 6 e o 9, cun pequeno trazo na parte inferior (aquí na superior porque a pedra estaría volteada, cando a pedra foi mudada de sitio por persoas que descoñecían o seu significado positivo orixinal). Pero isto non me interesa, o que me interesa é o tema de A Pobra do Caramiñal, quixera que se comentasen os datos sobre esa estrela de David na Pobra, a casa onde apareceu, cando, onde se atopa, rúa…
Deixa un comentario