
Un grupo de novos ciberxornalistas galegos acaban de lanzar Xeración Web, o novo cibermedio do grupo El Progreso. Xa falei deles hai algúns meses porque produciran un fantástico especial sobre a exposición de Cortázar e Galicia. A nivel formal e gráfico, Xeración Web responde ás tendencias actuais en deseño web, cun deseño sobrio e claro e a incorporación de moitos elementos de moda na actual incorporación de elementos 2.0 por parte dos medios de comunicación, tanto formais -as nubes de etiquetas- como de apertura de áreas específicas de xornalismo cidadán -que destacan moito, no recanto superior esquerdo.
A min resúltame especialmente interesante o dimensionamento cabal dos recursos de produción: aproveitando a base de noticias de ámbito autonómico fornecidas pola Axencia Galega de Noticias, o pequeno equipo aspira a crear diariamente un pequeno núcleo de contidos pensado, de forma moi específica, aproveitando as capacidades da rede en formatos específicos e temas propios. O equipo xornalístico de Xeración Web está composto por Juan Castro, Eliana Martíns, Silvia Canabal, Marcos Ferro, Ana García e Aldara Iglesias e, como xa dixen no seu momento, síntome especialmente orgulloso e alegre, xa que foron todos estupendos alumnos nas miñas materias do itinerario de Xornalismo Electrónico da Facultade de CC. da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.
É un medio do ano 2007, nacido no día de hoxe a nivel conceptual, coa súa licenza Creative Commons 2.5 e mesmo a declaración de intencións do xornal convertida nun FAQ adobado con sanísimo sentido de humor que se agradece no viciado ambiente da comunicación, como se pode ver nunha das preguntas finais deste:
¿Hai algunha organización segreda ou masónica detrás de Xeración Web?
Que nós saibamos, non, pero nunca se sabe. Estaremos atentos.



Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 







{ 1 … Le abaixo ou engade o teu }
Graciñas, mestre Gagus, xa sabes que -para ben ou para mal- inspiras gran parte deste proxecto.
Os teus ánimos e consellos, tanto nos momentos difíciles como nos de euforia contenida, sempre foron benvidos, e agardo que poida seguir sendo así.
Moitas gracias
Deixa un comentario