O feitizo do petroglifo das Somozas

Garisa descubriu o castro a un par de quilómetros de distancia. Ao chegarmos á aldea das Somozas, en Antas de Ulla, un vello sentado á porta da casa confirmouno:

-O castro é meu e roubáronmo.

O seu neto, pelo repasado, cinto de Dolce Gabanna, díxonos:

-Eu pódovos levar a unha pedra con cousas escritas na que xogabamos de pequenos.

Subimos ao monte e chegamos á pedra dos petroglifos das Somozas, unha gran laxe completamente escrita con gravados de todo tipo, marabillosa, descoñecida. Antes de que se fixera de noite, fumos cruzando monte a través, entre os toxos, ata o Castro, unha forza moi presente na paisaxe da zona:

somozas.jpg

O castro está nun sorprendente estado de conservación. Da croa no alto do monte expándese por abaixo, nunha curiosa prolongación trapezoidal. As pedras están cheas de cazoletas. Os tellados da aldea aparecen por abaixo.

Ao volvermos polo monte, ata o coche, volvimos a pasar pola laxe dos petroglifos. Aquí é o punto no que o pasado de Galicia parece fundirse cos mitos e coas lendas. Estamos ao solpor, luces longas, estiradas, laranxas. E, de súpeto, desa laxe con gravados e incisións desgastadas por milenios de erosión, comezan a aparecer formas. Como un libro escrito en tinta chinesa no que as letras, sometidas a un feitizo, só se revelaran, uns minutos ao día, antes da chegada da noite, e tiveras que ler apurado. E alí, no petroglifo das Somozas, comezaron a aparecer labirintos e espirais que chocaban entre eles, como as ondas concéntricas dun estanque cando lle botas pedras:

somozas_4.jpg

Noutro sitio, a fenda natural da pedra fai que o antigo artista prehistórico -ou outro artista, séculos despois, fixera unha interpretación algo diferente dos labirintos e distorsionara a forma circular con grandes surcos:

somozas_5.jpg

Ou, o máis sorprendente, algo que nunca vira nos petroglifos, tres humildes paxariños:

somozas_3.jpg

Habitualmente, os motivos animais representan serpes, cabalos, cervos e cápridos. Eu persoalmente, nunca puidera descubrir outro tipo de animais escritos na pedra. Pero xa era demasiado tarde. O luscofusco pechábase. E a pedra volveu a borrar as súas letras ata o vindeiro ciclo do sol.

Fotos de Soledad Felloza

11 Comments

  1. 17 / Abril/ 2007

    Paxariños???

    Vasme permitir, con todos os respetos, que sexa escéptico. E non porque non o crea, que a fonte é fiable, senon porque de ser así serían os primeiros no catálogo de estacións de Galicia.

    ¿Non será outro tipo de zoomorfo erosionado?

    Se tiveras algunha foto máis que puidera ver igual me decantaba por unha explicación ou a outra.

  2. 17 / Abril/ 2007

    Eu creo que son paxaros, de feito identifícanse bastante ben in situ. Enviareiche pola tarde unha foto pero nesta vense mellor.

    Outra cousa é a súa cronoloxía, é dicir, en que época foron feitos. Esa laxe ten unha secuencia histórica amplísima que chega ata tempos plenamente históricos. Hai tres cruces, por exemplo, ou ferraduras. E multitude de tipos de sucos e trazos diferentes que falan de diferentes autorías e técnicas de incisión.

  3. nacho
    17 / Abril/ 2007

    Que vista el tal Garisa ese, no? ¿Es arqueólogo profesional?

  4. 17 / Abril/ 2007

    Es un profesional.

    :P

  5. 17 / Abril/ 2007

    Distinguense bastante ben que son paxariños ou unhas pitas. Ó da data de realización xa será outra cousa…

  6. 18 / Abril/ 2007

    Efectivamente, rectifico. Despois de moito mirar para as fotos teño que recoñecer, efectivamente, que semellan ser representacións de aves. Trátase, en calquera caso, dun motivo anómalo no catálogo da arte rupestre galega, sexan da época que sexan.

    E xa que estamos falando de épocas, teño que dicir que o raro do motivo e a estreitez do suco con que aparecen gravados (na imaxe pode compararse cos sucos moito máis anchos das combinacións circulares), denotan unha datación diferente, máis recente, que estes outros. Nese sentido recórdame á sonense Laxe da Sartaña, onde sobre os círculos e os cérvidos aparecen caras, letras e mesmo un veleiro de tres mastros.

    En calquera caso, moi interesante.

  7. Pancho-Lapatianco
    10 / Abril/ 2014

    Xa pasaron uns anos dende esta entrada Manolo, pero ando a recoller información para unha posible visita arqueolóxica por Antas de Ulla. E, se non me trabuco, este petroglifos que ti das a coñecer como das Somozas, deben ser os que en Patrimonio Galego se identifican como a Laxe Ferrada, ¿non si?. Polo menos eso parece polo lugar e as fotos (sobre todo o circular feito sobre a fenda erosionada, por nunha vista con outro ángulo): http://patrimoniogalego.net/index.php/29264/2012/11/laxe-ferrada/ . ¿Vese ben o castro dende alí?, ¿cara onde está, se o lembras?.

  8. Loís
    13 / Abril/ 2014

    Pancho-Lapatianco
    non o castro da Somoza librou,na foto, Manuel está nos petroglifos mirando cara o leste lixeiramente desviando a mirada cara o sur, e na imaxe que tes encadrada no teu segundo post, está a medio camiño entre Hermide e Somoza, se trazas unha liña entre as dúas aldeas case que o rozas. vese perfectamente o circulo incluso sen ampliar a imaxe. Para chegar, méteste pola Somoza arriba pasando a grande curva a dereita, e xusto na segunda da esquerda, tes un carreiro, a man dereita, nada máis entrar nel, ves petroglifos, que non son os que sitúa Manuel, , pero o castro está máis adiante, onde a terra cae de de súpeto,
    Recomendo visitar tamén o impresionante castro de areas xa na aldea , a poucos metros deste 600_800 no lugar de castro, superfortificado, non é xigante pero as murais poden chegar os 4 m ( e polo leste son dobres, duas murais de 4m¡) Verse dentro e unha estraña sensación, ( algo rechamante é que parece que ten como unha cova subterránea da que sae un grande caudal de auga). Ó contrario que o da somoza no que as súas defensas non pasan de ser uns simples cómaros, falamos do monte Farelo (antigo Summun), e se segues a dorsal central no seguinte monte “coto redondo” (o dos cinco aeroxeradores) xusto arriba tes dúas croas máis, e no seguinte, (o dos sete aeroxeradores) tes pena escachelada e o de Cantelle, situado a 880m xusto no cumio todos eles peculiares, logo no val xa tés unha morea deles mais comúns, mais parecidos o de Areas.
    Aprobeito para agradecerlle a Manuel Gago, e a Xurxo Ayán o “Herdeiros pola Forza” que estou rematando de ler, chegoume o exemplar da biblioteca de Lugo, esta todo anotado : ) eu non fun, pero gustoume ver que non son o único que trata de analizar en profundidade. En canto poida será un deses libros que terei a man. Certamente entendo agora por que sigo atento a Capitulo 0 dende vai anos. os coxetos tesmos que perdoar Manuel, a miña experiencia laboral entre construtores, promotores, empresarios, políticos e demáis profesionais do formigonado rematou coa miña paciencia para có capitalismo, agradezo moito a menciña que me inxecto co teu traballo, saudos.

  9. 13 / Abril/ 2014

    Ola, Pancho, o castro está a cinco minutos andando. El mesmo non ten comunicación directa cos petróglifos (ou ao revés), pero cando avanzas desde os petróglifos cara o castro, e andas un pouquiño pola penichaira, xa está o castro. O mellor, a verdade, é deixar os coches preto dos petroglifos e ir ver o outro.

    Lois, teño pasado moitas veces cabo do outro castro, ese das areas, e sempre flipei coas murallas, pero nunca entrei. Non me estraña que teña uns cacho muros, porque está nunha ubicación moi pouco defendible. Os outros que me comentas coñézoos. Os do Coto Redondo son absolutamente intrigantes, pero esas parellas cada vez son moito máis frecuentes.

    Moitas grazas polas túas palabras!

  10. Pancho-Lapatianco
    13 / Abril/ 2014

    Graciñas Lois, agora o vexo. Si moi identificable, pero ás veces eses castros penedíos son malos de ver dende o google. O que non se me escapara éche esoutro que chamas das Areas (e a maiores temos o topónimo-aldea) e só con velo, como di Gago pensei ¡carallo vaia sitio para poñelo!!. Así que é lóxico o dos parapetos altos como pasa noutros casos de castros en lugares de dificil protección.
    Graciñas ós dous. A ver se finalmente me cadra a visita nas vacacións a fins deste mes, se non será para outra próxima.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará