Os morcegos coidadores da Biblioteca de Mafra

9 Abril, 2007

mafra.jpg
Biblioteca do Pazo de Mafra

-Senhor…
-…
-Senhor…desculpe, mais tenho que fechar.

Aí estaba eu coma un parvo, cravado ao cordel de seguridade que me separaba desta biblioteca, a máis fermosa que teño visto. Unha biblioteca na que, desde onde cha amosan ata o horizonte, repártense 40.000 volumes nunha pranta de cruceiro. Libros encadernados con esmero polos monxes que custodiaron este lugar desde o século XVIII, que catalogaron cada un deles nos andeis de xeito sistemático. Ainda hoxe, a bibliotecaria do Palácio de Mafra segue a usar ese groso volume de anotacións manuscritas, porque a biblioteca deixou de adquirir novos volumes coa exclaustración do convento na década de 1830. Este lugar é o tesouro máis fermoso do, polo demais, inhóspito e tremendo pazo de Mafra. Un dos máis fermosos lugares que teño visto. A guía tira dun caixón unha caixiña transparente cun morcego morto do seu interior e nolo amosa.

-Os libros de Mafra conserváronse perfectamente ao longo destes séculos. E a explicación son morcegos coma este. Os monxes criaron unha colonia de morcegos para manter protexidos os libros. Os morcegos voan ceibes pola biblioteca polas noites e devoran aos insectos. Case nunca os podemos ver, pero sabemos que están porque de cando en vez aparece algún morto, como este que ven aquí. Ou…tamén os vemos, cando hai concertos de música pola noite aquí na biblioteca. Se un mira para a escuridade das bóvedas, detrás das cadeiras, pode velos voar alí entolecidos na escuridade do teito.

Os morcegos non manchan os libros, porque saen ao exterior a través de pequenas aberturas practicadas nos ventanais máis altos. Como este exemplo de simbiose, os bibliotecarios de Mafra idearon máis sistemas dunha intelixencia e practicismo que asusta. Só unha das bandas dos ventanais superiores dá ao exterior. Pero a fila de fiestras da parede oposta son, en realidade, espellos, destinados a concentrar a calor dos raios que reciben do outro lado e reducir os niveis de humidade.

Pérdome nestes mosaicos. Nestes atrís. A sensación de Mafra é insólita. É un pazo irreal, pero de dimensións colosais, con máis de oitocentas habitacións e vintenove patios. Pero os interiores, como revelando a realidade, son pobres, absorbidos por esta arquitectura colosal. Mafra foi construído no momento de maior decadencia dun Portugal do XVIII, como resposta a un capricho do monarca Joao V, de delirio moi ben recollido na mellor obra de Saramago, o Memorial do Convento, que a min me sabe como a canción de adolescencia. Desde entón, eu creo que os monarcas crían que o lugar daba mal fario, e non é para menos. Foi a estación de saída de dous Reais Exilios. E, se che teño que dicir a verdade, de existiren pantasmas, aquí deberiamos buscalos, porque están, están. Sombras de cortesanos perdéndose nos eternos corredores do pazo, de reis fuxindo das baionetas ou da presión popular. Ou convertidos en morcegos eternamente condenados a comeren couza e minio.

Relacionado en Capítulo 0:

Sex libris, a fascinación polas máis fermosas bibliotecas do mundo

{ 3 comments… Le abaixo ou engade o teu }

1 gourmetdeprovincias 10 Abril 2007 at 9:08 am

E o máis sorprendente é a aldea na que está.

2 Uz 11 Abril 2007 at 12:57 pm

Certamente, descreve-la muito bem… dão ganas de ir! Eu, desde pequeno, sinto fascinação polas bibliotecas… curiosamente, a de Siza’s Valley nunca me chistou, mas a de Filologia… :)

3 magago 11 Abril 2007 at 8:29 pm

O curioso do lugar é que é un auténtico despropósito. Como ben di Gourmet, Mafra está nunha aldea. Hoxe xa ten unha poboación un pouco máis ampla, pero no momento debeu manter unicamente ao persoal de servizos do pazo…ata aí, tampouco é nada distinto doutros moitos pazos de campo das monarquías europeas.

A graza está na galería principal do mosteiro. Por unha banda dá ao interior da igrexa, nunha visión absolutamente impresionante, e pola outra está o balcón desde o que o monarca bendecía ao pobo, que se supón agardaría pola beizón na enorme praza (dúas ou tres veces o Obradoiro) da fronte do Pazo. Por moita xente que xuntaran para o acto, o número de pobo congregado debía ser unha auténtica risa e parecer bastante ridículo.

Deixa un comentario

Podes usar estes HTML tags e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>