Sanfins e Briteiros, dúas cidades castrexas importantes para comprender o noso pasado

sanfins_2.jpg
Guerreiro protector no alto do Castro de Sanfins

Aquí estamos, en Fiduenia. Non atoparás o seu nome nos mapas nin nos indicadores das estradas. Hoxe coñecemos a esta cidade morta cun nome cristián, Sanfins. Está no concello portugués de Paços da Ferreira. Visitámola sós, paseando polas rúas desertas; unha cidade espida, esguía, ventosa, dura, no alto dun monte gris. 15 hectáreas de soedade rodeadas e maltratadas por eucaliptos, baixo as que están soterradas as casas dos miles de habitantes desta cidade castrexa. Nos bosques próximos á citânia de Sanfins hai unha pedra gravada, o Penedo das Ninfas. Pénsase que foi parte dun santuario ao aire libre. Nel está gravada unha inscrición:

Aquí se cumpriron de boa vontade as promesas feitas a Cosunea, divinidade dos Fidueneos.

Non sabemos que preocupaba aos habitantes da citania para facerlle peticións ao seu deus, pero, nos escasos datos cos que debuxamos o imaxinario dos nosos devanceiros, Cosunea foi un deus da guerra, que os romanos equipararon ao chegaren ao seu Marte. Como vinculado a este culto bélico, no punto máis alto de Fiduenia – Sanfins, un guerreiro castrexo parece controlar o extenso horizonte e a vasta rede de casas, murallas e barrios da cidade soterrada. Os arqueólogos abriron unha parte significativa, pero outra máis grande aínda fica por descubrir. Centos de vivendas, durmidas baixo a terra. Un está acostumado ás aldeíñas castrexas do norte de Gallaecia, da nosa Galicia actual. E, aquí, de súpeto, parece que ves a evolución natural do mundo castrexo. Que ocorrería se concentraras nun castro a varios miles de habitantes, no canto de a penas cen ou douscentos? Algo coma isto. Unha cidade que tomou referencias do mundo romano pero seguiu sendo esencialmente castrexa.

Ocorre en Briteiros, outra cidade castrexa entre Braga e Guimaraes. Un lugar prodixioso, no que o propio monte no que se asenta a citánia é un libro aberto -e isto non é metáfora-. Os investigadores están a atopar petroglifos miles de anos anteriores á cultura castrexa, pero tamén un sennúmero de inscricións en caracteres latinos que fan referencia aos habitantes do castro, aos seus pais, aos seus fillos, á súa familia. Non sempre son fáciles de descrifrar, pero algo en algo en comparación con outras figuras. En puntos clave dos espazos públicos de Briteiros, outro misterio máis: pés esculpidos na pedra. Si, pés.

sarmento.jpg
O arqueólogo vimarense Martins Sarmento

Portugal foi a clave do noso pasado máis remoto, a base para poder construír a Historia no XIX cun pé bastante asentado na ciencia, e non só na mitoloxía. Un altruísta potentado de Guimaraes, Martíns Sarmento, consagrou a súa vida á excavación de Briteiros, convencido de que se atopaba nun lugar clave para comprender o pasado da cultura peninsular. Do traballo de Sarmento, que mercou co seu diñeiro persoal toda a extensión da citânia, debémoslle en Galicia as primeiras claves para interpretar cientificamente a nosa densa cultura castrexa, como se pode ver nas continuas referencias dos nosos eruditos da época. Portugal explica o noso pasado castrexo, igual que nós explicamos o seu pasado medieval. A evolución da cultura castrexa aquí permite comprender pistas, acenos, pequenos fragmentos do mundo dos castros, que só no noso contexto, non comprendemos.

sanfins_1.jpg
Balneario castrexo da Citania de Sanfins

Baixamos ata o balneario indíxena de Fiduenia. Estas estrañas construcións parecen saír da terra como rinocerontes. Son como saunas, pero cunha enorme pedra enteira por fachada, ricamente decorada, chamada pedra formosa, e nos últimos trinta anos teñen aparecido, ou identificado varias en Galicia e Portugal. En Briteiros, baixaban a auga para os baños desde unha fonte no alto. Aquí, o manantial, dous mil anos despois, segue nacendo e enchoupando a herba. Rebuscando, atopo cabos de vela, pousadiños na pedra formosa, entre os valos do balneario. Vai frío, e unha calima baixa sobre a cidade. Desde aquí abaixo vexo as liñas de muralla, os montiños de pedra aínda non excavados. Aquí a cultura castrexa se fixo urbana de forma propia.


Fantástica presentación do proxecto museográfico de Briteiros e sobre o castro


Exhaustiva visita virtual á Citânia de Briteiros

4 Comments

  1. 10 / Abril/ 2007

    Por certo, que cidade castrexa foi a máis grande da nosa Terra, ¿Santa Tegra ou San Cibrán de Las?

  2. 12 / Abril/ 2007

    Xavier, moi boa pregunta. Eu creo que San Cibrán ten todas as papeletas, pero pode haber algunhas sen excavar que tamén sexan moi grandes.

  3. Sandra
    18 / Marzo/ 2008

    San Cibrán es el más grande de los castros excavados de Galiciaunque tengo entendido que existe en Lugo, en la zona de la terra chá un castro que aún no ha sido excavado que tiene una mayor extensión.
    Saludos,

  4. 18 / Marzo/ 2008

    Sandra, non sei a cal te refires. Máis ou menos por que comarca estaría?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará