O Castelo de Monterrei, unha das ruinosas xoias de Galicia

26 Marzo, 2007

monterrei_2.jpg

Sinto unha atracción irresistíbel polo Castelo de Monterrei. Non podo deixar de mirar esta perspectiva que ves na foto: unha superposición de construcións defensivas, civís, relixiosas, mundanas, sanitarias. Monterrei é un dos dous ou tres máis fermosos castelos galegos -podemos polemizar sobre o primeiro posto-, dominando o gran val de Verín, no punto de cruce entre tres reinos. O máis fermoso dos castelos galegos, si, e tamén o máis italiano, no que a beleza civil superponse e ofrece unha cara bonita ás recias murallas, nesas balconadas, nos pórticos, nas galerías, na grácil Torre das Damas voando sobre o tellado do Pazo dos Condes, no riquísimo gótico da igrexa de Santa María. Nalgunha das casas da acrópole forxáronse as primeiras letras galegas de imprenta -que foron monásticas e lexislativas-. Porque o das casas é algo que non sabe moita xente. Monterrei non é só un castelo, senón unha vila enteira. Abandonada. Derrubándose. Esmorecida. Con fiestras esgonzadas, cortinas esfiachadas, muros a medio caer. Un exemplo:

monterrei_4.jpg

Esta ruína é como un cartel publicitario ás portas de Galicia que evidencia algúns dos nosos peores defectos. O Monterrei actual é un sarillo enfiañado de propiedades: o recinto superior pertence ao Ducado de Alba. As casas da vila medieval abandonada teñen multitude de donos, que non poden emprender ningún proxecto de reforma por unha lexislación paralizante que permite a ruína pero impide o desenvolvemento. Falta e faltou vontade para recuperar dunha vez un dos principais recintos históricos de Galicia. ¡Que gran proxecto de goberno sería para quen quixera asumilo! Conectando turismo, desenvolvemento dunha zona deprimida, agricultura, comunicacións, cultura, a catro horas de Madrid, a dúas de Santiago, na porta de Portugal. Eu vexo Monterrei e vexo un espazo cheo de posibilidades, unha espectacular porta de entrada ao país, unha marca esperando cos brazos abertos.

monterrei_5.jpg
Entrada á zona baixa do Castelo e Hospital de Peregrinos.

…e se queredes ver un curioso detalle da Igrexa de Santa María, entrade no interior do post. :-)

monterrei_6.jpg

{ 1 … Le abaixo ou engade o teu }

1 Xavier 27 Marzo 2007 at 12:35 am

Eu tamén son dos que pensou que se hai un sitio en Galicia para facer un proxecto turístico-cultural fermoso ise sería o do castelo de Monterrei. Ó malo é que pasan os anos e hai che esta… todo escangallado. O unico positivo é que agora teñenno bastante limpo e algo restaurado, habialo de ver fai uns cantos anos….

Deixa un comentario

Podes usar estes HTML tags e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>