Descubrindo o Caldo de Ósos en Casa Descalzo de Taboada (Lugo)

Nunca oculto que a Ulloa e a Galicia central son das miñas rexións preferidas do país. Un reino de outeiros, fragas, leiras, valados de pedra, casas fortes e miles de regatos, cunha riquísima etnografía e pedras sempre cheas de sorpresas. Collimos hoxe para Taboada (Lugo), onde se celebraba a Festa do Caldo de Ósos. A viliña estaba chea de parroquianos das proximidades, produtos locais e un gran cheiro a caldo. O Caldo de Ósos. ¿Pero en que consiste? No día da matanza do porco, ou no seguinte, xusto antes de partir o animal para salgar, nas casas da Ulloa facíase un caldo cos espiñazo do porco, parte tamén coñecida como soá. En Taboada, o Caldo de Ósos faise con garavanzos e pimentón, un pouco coma os callos, aínda que o preve é menos espeso e picante. Toda a graza está nos mesmos ósos.

-¿Pero non lle vai comer o de dentro, que é o máis rico? -díxome unha das vellas de Casa Descalzo, cando lle devolvín o meu prato rematado. Así que lle chuchei a médula, que estaba, efectivamente fenomenal. Non fora doado rematar con este primeiro de Caldo de Ósos, como se pode comprobar:

casa_descalzos_3.jpg
Un “lixeiro” plato de Caldo de Ósos. Fotos: Sole

Casa Descalzo, en Taboada. Que lugar máis incríbel. Chegamos a el adoecidos de fame e resignados a conformarnos cunha mesa libre nalgures: todos os locais que participaban na Festa estaban a rebentar. Por fóra, a casa estaba desleixada, coas contras botadas, e, desde logo, non convidaba á exploración. Ao entrarmos, había un ultramarinos abandonado en estado de caos. Noutra porta entreaberta descubrimos a cinco vellas repartidas ao longo dunha cociña. Potas, platos, ferveduras, forno de leña, movementos rápidos con mans temblorosas.

casa_descalzos.jpg

casa_descalzos_4.jpg
As vellas de Casa Descalzo na súa cociña. Fotos: Gago e Sole

Cruzando a cociña chegabas aos comedores: un exército da terceira idade movíase entre dúas pequenas habitacións, anteriores dormitorios con carillóns e Sagrados Corazóns de cores comestas polo sol nos que nos refuxiabamos os comensais. Chegou o Caldo de Ósos, as costelas adobadas con patacas das de verdade, o mencía do ano de Taboada, as filloas de sangue e as filloas normais, o queixo, a mel, o café, o augardente de herbas, o carillón soando en badaladas e as zapatillas arrastradas das vellas movéndose nos metros cadrados mínimos. As baldosas parecían caer de esbirros do vapor das potas, as mans dunha avoa quentaban as filloas contra a prancha de ferro da vella cociña económica. Sesenta anos leva Casa Descalzo alí, e debeu existir unha promesa de non tocar o local en todo ese tempo.

En Casa Descalzo fun seminarista, cura parroquial, bandoleiro camuflado dunha gavilla, estudiante de medicina, tratante de gando, tenente destinado en Ferrol, curador, cego violinista, viaxeiro misterioso, canteiro de Forcarei, ocioso cazador fidalgo.

4 Comments

  1. 19 / Febreiro/ 2007

    Eu sempre fun incapaz de zugarlle a médula ós osos. Din que é o máis rico e todo o que se queira, pero é superior a min.

  2. Pepa
    11 / Outubro/ 2012

    En estos primeros días de Octubre, he tenido la fortuna de comer en esta casa de comidas de Olga y Mari Luz Las felicito por ese amor a la cocina tradicional y lenta, hecha en cocina ” económica” de leña, con productos de temporada….

  3. galiña poñedoira
    8 / Febreiro/ 2013

    isto é una merda. comiuse fai anos cando na casa non habia nada que comer. agora todo esta riquisimo ainda que sexa una porqueria.
    a tomar entrecotes y filetes vaiche boa co caldo de osos. menuda merda.

  4. Manuel
    19 / Febreiro/ 2013

    Que vas decir dos restaurantes do teu pobo, en especial deste que leva moitos anos sendo un restaurante, que non sexan maravillas. Pero como quero ser sincero, podo decir que é unha casa de comidas estupenda, na que a comida se fai manteiga no momento en que a saboreas. Se non fose un bon restaurante non gañaria un premeo na Gala do Cocido -Lalín- (Pontevedra) polo restaurante a labor de toda unha vida da Provincia de Lugo. Asi que no momento que pasedes por Taboada non duvudedes en parar no seu hostal para provar un dos seus platos típicos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará