La Casa de las Cinco Puertas, en Pontevedra: sabores esenciais da carne ibérica

15 / February/ 2007

in Diario, Paparotas & Co, Roteiros

5portas.jpg
Un dos catro comedores da Casa de las Cinco Puertas

Hai veces que a un lle apetece comer rico. Que termo máis deliciosamente ambiguo. Na casa, entendemos por rico algo moi saboroso, non demasiado sutil nin complexo, senón amábel, caseiro e cariñoso. La Casa de las Cinco Puertas, en Pontevedra (Avd. Santa María, 8 – 986851948), veunos perfecta para a ocasión, derreados como estabamos tras unha semana eterna.

O restaurante sorprendeume, nada máis entrar, con varios detalles que eu creo que xa me gustan desde o principio dos tempos: unha estrutura labiríntica, resultado da rehabilitación dun inmoble posíbelmente decimonónico, tan ensarillada que dá ata en catro comedores diferentes con ambientes distintos. Ao entrares, nun corredor, hai unha pequena biblioteca especializada que podes consultar: gústanme os restaurantes con libros, que podes coller e levar libremente polo local. La Casa de las Cinco Puertas non é un lugar de cociña moderna ou innovadora, pero aproveita ben a liberdade combinatoria do presente da gastronomía. A súa aposta vai pola calidade máxima do produto. Cada ingrediente debe lucirse de xeito individual, brillante, co seu sabor explotado ao máximo. Comimos nunha das salas, pechada nunha das paredes por unha selecta adega: a extensa carta chega ás 450 referencias que combinan os viños de moda cos clásicos necesarios. Logo comezou a chegar unha táboa de ibéricos 5 Jotas, riquísima. Despois probámoslle filloas recheas de rape e langostinos sobre un preve biscaíño (xeniais) e solombo de porco ibérico con preve de setas, grosellas e puré de castañas, estupendo, especialmente a carne, que era de primeirísima calidade. Comida rica, exactamente. Definida, identificábel, de sabores, raíces, perfectamente recoñecíbeis, pero con materia coidadosamente seleccionada para tirarlle o máximo a cada produto.

Arriscamos algo co viño, atraídos por unha pequena nostalxia corsa, aínda que sobre o seguro do que xa coñeciamos. Por aproximarnos ás illas, optamos por un balear Ánima Negra/2, un viño tan de terroir illeiro, coas súas uvas propias, a callet, a mantonegro e a fogonesa, todas creando a sensación mediterránea de primer golpe intenso e pouco fondo e cor -aínda que axudadas a dignificar con algo de cabernet sauvignon. Combinado cun servizo moi atento, a historia saíu en 28 euros/persoa, que é un prezo moi digno. A piques estiveramos de pedir unha curiosa tortilla de zamburiñas que se prometía nos entrantes, pero non sabiamos no momento que esta casa gañou un gran premio a nivel español na arte da tortilla. Anotado básico para as comidas en Pontevedra.

{ 3 comments… read them below or add one }

Moraiminha 16 / February/ 2007 at 11:28 am

Pois eu non consigo que me guste a cociña deste sitio… Nin a tan premiada tortilla, pois eu son das que non gusto do ovo desparramado polo prato. Coincido contigo na calidade dos embutidos, e nas referencias de viños, pero eu nunca tiven sorte co servizo tampouco…

magago 16 / February/ 2007 at 8:50 pm

O “punto” das tortillas sempre é un aspecto moi discutido! Eu non é que sexa diplomátio, pero para min a solución está no termo medio, é dicir, que estea xugosa. Non me gusta tampouco moi feita, desas que parecen unha pura esponxa a base de batir moito o ovo e botarlle ese pouco de maizena…

Medea 2 / February/ 2008 at 3:48 am

A tortilla pra min e espectacular, xugosa e bén feita aquí é onde se diferencia un bó local dunha tasca. as tortillas de tasca son sempre iguais. Secas, sen pizca de ovo esparramado e maís patata que outra cousa, a tortilla deste curioso local esta no seu punto sempre e se lle gusta mais pasadilla coido que non lle negaran pasarlla un poco máis dende logo sempre e mellor unha tortilla pouco feita que poidas mandar a pasar cunha pasada,seca, e intragable coma as que andan polo mundo adiante.

Logo no tema de prezos pareceume moi razoable con respecto calidade prezo pero claro, cada un fala de feira como lle foi nela dende logo as veces que fun sain mais que contento e satisfeito.

Deixa un comentario

Previous post: As virtudes jazzísticas dun Nokia N70

Next post: Encyclopedia Pictura: pero quen son? e por que fan isto?