O novo xénero da info-ficción

pdm.jpg
Fotograma de Master Plan

Nos últimos anos a incríbel expansión de Google como fenómeno transformador e, sobre todo, moldeador de Internet está a motivar a creación de pequenas curtas que especulan sobre o futuro dos medios de comunicación, da sociedade da información e do tratamento da nosa información persoal e a privacidade por parte dos grandes negocios de Internet.

Parece que está a nacer unha nova variante da ciencia-ficción, a info-ficción, que son aquelas narracións que especulan e imaxinan o futuro da información, especialmente na que se transmite a través da Rede. A info-ficción crea argumentos ambientados temporalmente no curto e medio prazo, sendo máis restrinxida nas súas condicións que a ciencia-ficción, que se pode deixar levar a ámbitos temporais máis dilatados e lugares máis fantásticos. O argumento conspiranoide máis popular da info-ficción é o Plan de Dominación Mundial (PDM) de Google, a suposta estratexia secreta desta empresa para controlar o mundo. Dous alumnos da Universidade de Ulm, Ozan Halizi e Jürgen Mayer, realizaron Master Plan, unha pequena curta (vía) explicando as liñas básicas da estratexia do PDM. Ademais da intelixente mostra de intelixencia especulativa, esta curta é un gran exemplo de como empregar a infografía como mecanismo narrativo.

MasterPlan segue o exemplo inaugural do xénero: Epic 2014, a tamén curta de animación realizada por Robin Sloan para un hipotético Museo de Historia dos Medios.

googlezon.jpg
Fotograma de Epic 2014

Epic 2014 coloca sobre a mesa un escenario no que as grandes fortunas do Cuarto Poder esvaéronse ante a presión de Internet e o seu novo xigante, GoogleZon, nacido da alianza de Google e Amazon. GoogleZon domina o escenario da Información mundial e controla toda a nosa información persoal, a través do último formato de acceso á información coñecido, o EPIC (Evolving Personalized Information Construct), o sistema que recopila a través da rede todos os nosos trazos e constrúe un documento detalladísimo sobre nós, os nosos datos financeiros, os nosos intereses e crenzas. O documental presenta a competición por parte dun poderoso da industria mediática tradicional, o New York Times, por manter a súa hexemonía en Internet, así como a súa derrota no ano 2014 e a súa retirada da web. Aquí podes ver unha versión en portugués da versión actualizada do EPIC 2014, o EPIC 2015, que actualiza algúns detalles.

Estou a ler estes días, por certo, Buscar, de John Batelle, confundador de Wired, da que xa falarei con máis detalle máis adiante. Buscar profundiza nas motivacións de Google e na estrutura do negocio da busca de información, tentando comprender en que medida a empresa sabe manexar o que Batelle chama a “base de datos das intencións” e Google coñece como Zeitgeist, é dicir, a capacidade de Google de poder saber o que a unha significativa parte da humanidade lle importa nun preciso momento. E sorpréndeme a portentosa claridade e simplicidade do negocio que Eric Schmidtt, CEO da empresa, así coma os fundadores Sergey Brin e Larry Page saben transmitir. Quizais por aí está a clave do seu éxito. Moitos (Microsoft) terían ensarillado e burocratizado o negocio considerabelmente de ter chegado ao volume de negocio e poder de Google.

2 Comments

  1. 2 / Febreiro/ 2007

    Ó ler o titular pensei que te referías ós telexornais e xa pensaba que de “novo xénero” non tiñan nada ;)

    Xa me gustara moito ó estilo poético e decadentista de Epic2014 e MasterPlan é xenial estetica e narrativamente.

    Sobre o PDM, eu non sei ata que punto é dixerible todo ese volume de datos, e se Google terá unha arquitectura da información suficientemente sólida (ou se a terán na cabeza €ric-$ergei-£arry). Cada certo tempo convénzome de pouco a pouco, os maiores servizos de Google se van “paquidermizando”, pero entón sorprenden cun novo movemento, coma se tivesen un don para rexenerar a súa “elasticidade”. Por exemplo, o rumor de aproveitar Google Earth como metaverso, con todo o potencial como escaparate virtual e integración de servizos que ten iso.

    Quen sabe que dará de si, e se uns rapaces diseñan a estas horas nun garaxe o antigoogle ou se dentro de 5 anos falaremos aínda de PDM ou de BoobleGoogle pero dende logo, a fiestra do seu buscador xa é unha porta aberta á historia da Posmodernidade (que “acojonante de la muerte” me quedou esa frase, por Dios…).

  2. 3 / Febreiro/ 2007

    Si, eu tamén creo que o antigoogle, se cadra, xa naceu ou está a punto de nacer. Pero, obviamente, non se poderá entender sen a existencia do propio Google e os principios que instalou en Internet. A Google hai que lle agradecer o cambio xeral da filosofía de Internet: gratuidade, accesibilidade, acceso.

    Sobre a capacidade de proceso de Google: todos acabamos por programar o noso contido, nun high level ou low level, orientado cara Google. A súa capacidade de proceso de contido externo depende de canto nos aproximemos á súa filosofía. Ao final, xa máis ou menos case existe, ou se pode intuír, é doadamente parametrizabel. É unha cuestión matemática.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará