Un encontro con Antonio Pérez en Cuenca

antonio.jpg
Antonio Pérez, caracterizado como cura

A Antonio Pérez coñecímolo de casualidade na Taberna Loti de Cuenca. Estaba sentado na barra, ao noso carón, con enormes gañas de falar. Nós tamén. Efectivamente, era el: un anaco da historia recente do exilio, a ditadura, a resistencia intelectual e a aposta pola modernidade das Iberias. Editor parisino do Ruedo Ibérico. Precursor da arte da reciclaxe. Propietario dunha das coleccións privadas de arte contemporánea máis importantes do Estado e asesor de importantes investidores privados en materia pictórica. Aínda seguía sendo un rebelde. Sole conta moi ben o encontro neste post. Pasamos horas, gintonics e pamperos falando. Estivo de mariñeiro no porto de Cariño. Pola noite, mentres durmía no camarote colectivo, os outros mariñeiros facíanlle a novatada. Deixaban que a luz da Lúa pegara na súa cara durmida.

-¡Sodes uns cabróns! –berráballes o patrón- ¿non vedes que o ides volver tolo?

O patrón protexíalle a cara tapándoo coa manta para que a Lúa non lle levara o xuízo no medio do Atlántico.

Ao día seguinte fumos visitar a Fundación na que se custodia a súa colección de arte, e situada no alto da cidade vella de Cuenca. É un lugar para reconciliarse coa arte contemporánea. Aproveita a estrutura labiríntica dun convento de monxas de clausura para propoñer guiños continuos cunha arte que comunica, que se vincula ao visitante, que excita a súa interpretación e lectura. Por todas partes, están os obxectos e papeis que Antonio atopa, e recontextualiza cunha lectura irónica, humorística e profundamente política. Este é un caso:

ap_2.jpg
Obxectos atopados. Antonio Pérez.

Cuenca é un lugar básico para comprender a arte contemporánea desde os anos 50. É curioso como a arte encaixa nesta cidade de conventos. Adoro esta fotografía:

ap_3.jpg

É como un pequeno big bang de arte contemporánea nunha pequena cidade de provincias, e reflicte o momento no que se crea o Museo de Arte Abstracto da Fundación March nas Casas Colgantes da cidade, no ano 1966. O que me gusta é a composición, case velazqueña, da foto, como un gran cadro mural do XVII e, ao mesmo tempo, a súa condición disruptiva. Esa foto existe porque non debería existir. Porque supón un acontecemento. Ao vela, un comprende o que Antonio Pérez nos contou dos primeiros pasos desta arte contemporánea na modernidade da Península. ¡Que gran historia e que pouco contada está aínda! Un día quero volver aquí, a Cuenca, e deixar que Antonio fale diante dun micro, con calma.

4 Comments

  1. reflexf4
    29 / Xaneiro/ 2007

    A foto e preciosa, chamame a atención que fose en cor e non en b/n.
    E curioso observar a actitude dos nenos que estan vendo pasar o arte por diante das suas vidas, a curiosidade da nena…..

  2. reflexf4
    29 / Xaneiro/ 2007

    A foto e preciosa, chamame a atención que fose en cor e non en b/n.
    E curioso observar a actitude dos nenos que estan vendo pasar o arte por diante das suas vidas, a curiosidade da nena…..

  3. 29 / Xaneiro/ 2007

    reflex, pois encántame iso dos nenos, que nesa foto somos a miña moza e máis eu. :-)

  4. 16 / Febreiro/ 2007

    Corrección. Efectivamente, tes razón. Era a foto de abaixo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará