
Pico Tres Bispos. Serra dos Ancares (Lugo)
Ás veces as noites entusiastas traspasan a fronteira de fantasía ou pantasmada de bar e ingresan perigosamente nos ámbitos do real. Así que non te rías moito. Unha noite dixemos: se no Tíbet e en Nepal teñen unha ruta dos OitoMiles, nós deberiamos ter unha Ruta dos Dous Miles. Se eles teñen o Everest, o K2, o Annapurna ou o Shishapangma, nós temos o Mustallar, Pena Trevinca, o monte Faro, o Catoute ou calquera outro do macizo galaico-asturiano-leonés. Vale que seguramente hai máis de seis mil metros de diferencia entre os asiáticos e os europeos, pero estes tamén darán o seu traballo. Así que xa nos ves, organizando entre risas a Expedición DousMil.
O plan é subir un DousMil cada mes (ou case dous mil, temos un sentido amplo da palabra case porque se non, acábansenos os picos de contado), documentalo ben, ir publicando pequenos vídeos especiais para web coa fazaña -usando o estilo épico xa iniciado polo programa Al Filo de lo imposible de TVE- e acabar cun pequeno documental web final duns 10 ou 15 minutos coa experiencia de coroar os DousMiles do Macizo Galaico (e os CaseDousMiles). Todos serán da zona na que chocan as actuais demarcacións de Galicia, León, Asturias e Zamora, o Gran Macizo…
Para comezar a engraxar a maquinaria comezaremos co amigo que tes na foto, o Pico Tres Bispos, nos Ancares. Vale… só son 1795 metros, pero despois de dúas semanas de nadeguing era o plan máis racional. O noso plan orixinal de barra de bar era facelos con neve, e filmar no documental que pouco menos que estabamos escalando o Everest, pero Mariló asegurounos que non hai nin gota nos picos. Que queres que che diga. Para comezar, como que case mellor. O domingo cóntovos polo miúdo.



Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 





{ 6 comments… Le abaixo ou engade o teu }
siiiiii, vivan os dousmilllll, serán 6.000 metros menos, pero tamén teñen o seu aquel.
Xa contaredes, e na próxima xa falamos.
si, un di dous mil e parece pouco. Pero lémbrome o verán pasado, subindo o Ben Nevis, o pico máis alto das Illas Británicas, que eran só 1700 metros, e como lle tirou do peito (ao mellor tamén influía que no cumio había 2 grados, eu ía en camiseta e bermudas e partimos practicamente do nivel do mar).
Ánimo, que os Tres Bispos do peito tamén tira, e das pernas, dos brazos, das cadeiras…. A min tiroume todiña. Certo que no verán tes o handicap das moscas, un suplicio engadido que lle da un toque tropical se pensas que son mosquitos . O bo de todo e que a paisaxe e a vista pagan con moito a pena.
Ánimo, que os Tres Bispos do peito tamén tira, e das pernas, dos brazos, das cadeiras…. A min tiroume todiña. Certo que no verán tes o handicap das moscas, un suplicio engadido que lle da un toque tropical se pensas que son mosquitos . O bo de todo e que a paisaxe e a vista pagan con moito a pena.
Perdón e que hoxe me salen os comentarios duplicados.
Amigos, igual ca eles teñen o Everest, pola cara sur, mais chupada de subir que a costa da conga cheo de cubatas do Fucolois, tamén teñen a North Face. Isto que velaiquí vedes, non é unha foto do cumio 3 bispos, non. Iso é simplificar e, nunha análise semiolóxica, quedarse co fondo, entroques do primeiro plano. O que eiquí tedes, son 3 aventureiros, CRESTEANDO, 3 bispos, logo de afrontalo pola NORTH FACE…. A calidade da técnica fotográfica empregada non permite notar as ondanadas de ventos racheados de mais de 200 qm/h que tivo que soportar a fotógrafa, por non falar dos riscos corridos polos roteiros, que na imaxe semellan lixeiras prumas danzantes, cando as súas botas de JORETEX, con soa VIBRAM. E, por suposto, o truco foi o que todos coñecedes: cheos coma preas, mecajondios…. Licor Café a todo meter… cheos daujardente…. mecajonacona…. Cómo mola isto de ir de chea e facer deporte…. ala….
Deixa un comentario