A noite dos visigodos vivintes

muralla_lua.jpg
Lúa chea na porta da Bisagra

Os paseos máis fermosos por Toledo son pola noite. Aí o frío do inverno cobra avantaxe para viaxar sobre a primavera. Un pode sentirse na escuridade os seus propios pasos lóbregos, observar as sombras prolongadas, empaparse do frío dos ventos artificiais que esvaran polas rúas entre os altísimos muros conventuais e pacegos desta cidade de micromundos. É de noite, pero non moito, e as portas das igrexas e das mansións aínda seguen abertas. Unha das zonas máis descoñecidas da cidade é a que acolle o mínimo e humilde leigado visigodo, distanciado das grandes rutas turísticas da cidade.

Entramos na igrexa de Santa Eulalia, e xuraríamos penetrar noutra mesquita. As columnas mudéxares seccionan a planta cadrada en tres naves, e nos falan dun tempo no que as tres relixións estiveron absolutamente próximas no estético. Este templo, agora cheo de albaneis magrebíes que o restauran discutindo se ten mil anos ou simplemente douscentos, existe desde o século VI e nunca deixo de ofrecer culto relixioso. Hoxe, séguese a practicar o culto mozárabe, esa liturxia antiga que mantiveron os cristiáns nas cidades musulmanas durante o dominio da Lúa. Pero custaría distinguir esta igrexiña dunha mesquita ou dunha sinagoga toledana. Aínda que todas as relixións buscaron logos corporativos con rapidez, en Toledo obsérvase que o estilo, entendido como unha representación total asociado a unha determinada ideoloxía, é unha construción posterior ao medievo. O deseño non diferenciaba culturas ou resumía ideoloxías como tal, a diferencia de hoxe. Fascinante.

san_roman.jpg
Pinturas murais de San Román

Neste luscofusco frío descubrimos a marabillosa San Román. Non sabiamos nada dela, pero ese sexto sentido que ás veces existe nas viaxes nos avisaba de que debiamos pasar por alí. San Román é hoxe unha igrexa desacralizada, destinada á explicación da época visigoda. Un entra na igrexa con luvas de plástico que che dan na entrada, para perderse pasando follas de fermosísimos facsímiles de Beatos. O campanario acocha unha das vistas máis marabillosas e descoñecidas deste compost urbano e humano. E nas paredes de San Román descubriuse, hai non moito, unha das máis fermosas coleccións de frescos románicos da Península. A Creación, a Árbore da Vida, os Evanxelistas, e un impresionante espertar-dos-mortos-vivintes, o Día do Xuízo Final, enchendo unha das paredes das naves, fronte o que un se queda calado e marabillado con esa enorme Cantiga de Santa María debuxada sobre o papel.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará