Sole volveu de Uruguai cunha maleta chea de viños interesantes. Antes de marchar estiveramos investigando que era o mellor da produción do país, aproveitando, por exemplo, fontes moi interesantes como o Instituto Nacional de Vitivinicultura e si, seguindo un pouco o rastro dos viños con mellores premios. O país vive agora un despegue na produción de viño de calidade, despois de moitos anos de granel. Queren facer do tannat, unha uva rexa, forte, puro tanino, introducida no país a finais do XIX por Pascual Harriague, o emblema da produción vinícola do país, aínda que a min eses viños tan estruturados sonme de consumo ocasional. Xa que logo, buscamos as outras variedades cultivadas no país. O resultado é unha pequena escolma moi diversa e interesante das adegas familiares deste país de tres millóns de habitantes que xa baixaron á adega para que se “desestresen”, como ides ver:
Albariño Bouza 2006
O que escoitades. A familia Bouza, que vén de onde indica o seu nome, trouxo cepas de albariño desde Galicia e probou a ver que pasaba ao cultivalas desa beira do Atlántico. Eis o resultado.
Filgueira Sauvignon Gris 2006
Estoutra familia de apelido estrañísimo e absolutamente descoñecido para nós descubriu un tesouro na súa propia casa. Estaban a piques de cortar unhas vellas cepas de viño branco que tiñan na finca, pero un enólogo fixouse máis atentamente e decatouse de que estaban ante unha variedade reducidísima, o Sauvignon Gris, unha mutación do Sauvignon Blanc. No mundo só hai prantadas 50 has. desta variedade, e os Filgueira teñen o 5% desa produción mundial.
Don Pascual Cabernet Sauvignon Roble Establecimiento Juanico 2004 e Don Pascual Roble Edición Limitada Merlot 279
A familia Deicas cultiva no seu establecemento Juanicó tannat e outras variedades nobles. Ten sona o seu Cabernet Sauvignon, e con el chegou unha sorpresa, unha das 279 botellas da colleita de Merlot. Outra curiosidade é un dos primeiros viños feitos con botrite en América Latina, o
Botrytis noble establecimiento Juanicó Colleita Tardía 2000, destinado a postres e queixos.
H. Stagnari 2006 Syrah. Selección “La Puebla”
Un viño que non sae á venda todos os anos, senón cando Stagnari considera que houbo colleitas axeitadas.
Pisano Arretxea Grand Reserve 2002
Esta familia vasco-italiana cultiva un dos viños de máis sona internacional de Uruguai. Este gran reserva aínda deberá descansar uns anos na adega.

Qué simpatico o do albariño uruguaio. Pero é unha producción moi pequena. Tes unha xoia nas túas mans.
Cantidad: 398 botellas
Aproveitando que falas de viños e que o Tajo pasa por Toledo, quero darte as grazas polos consellos enolóxicos para as festas navideñas. Ó final decidinme polo Abadía de Retuerta (foi o único que atopei no Corte de Vigo) e a experiencia culinario-festiva mellorou notoriamente. Seguro que volvo a usar os teus servizos en máis dunha ocasión . Moitas grazas