
Se cadra Sadam Hussein sexa o primeiro ditador executado da era dixital, con todas as consecuencias que iso ten. Observei a escena co morbo de calquera; ao pouco lin a transcrición das conversas sostidas entre Sadam, o seu verdugo e un funcionario no tétrico patíbulo. Técnicas, burocráticas, centradas no propio feito. Sadam mantense serio, sobrio, sen facer concesións histriónicas nin alocucións ao pobo. As súas frases para a Historia son directas e convencionais. Pero na súa propia morte aplícase unha metáfora de Internet e dos novos xeitos de comunicación. O vídeo oficial grávase desde arriba, á altura dos verdugos, e detense xusto antes da execución. Pero un asistente, na parte de abaixo, fai a súa propia gravación co móbil, engadindo un punto de vista desde a audiencia e chegando ata o final dos feitos. Cando aforcan a Sadam, a torcedura do corpo só se percibe coa cámara do vídeo á luz dos flashes das cámaras que inmortalizan o momento, o cal, ben mirado, resulta pavoroso. Escóitanse ao longo de toda a execución rezos combinados con berros contra Sadam. E sabemos que todo seguirá igual. Os norteamericanos estarían trala porta, fumando un pito mentres agardan o momento de entrar. O traballo suxo quedou para os locais. Sorprenden os escrúpulos actuais de Washington por non inxerir coas decisións do Goberno iraquí, despois de invadir un país completo. E un sabe que todo isto é un fenómeno moi propio da administración imperial, sexa da época ou do milenio que sexa.



Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 





{ 1 … Le abaixo ou engade o teu }
En canto escoitei a nova (antes de deitarme, hei de confesar) da execución de Sadam Hussein tiven moi claro que ía ser un espectáculo mediático do que non quería participar. Porque, informativamente falando: ¿qué me pode aportar á nova en sí ver as imaxes? ¿que gaño eu vendo como a unha persoa (aínda que sexa esta en particular…) se lle parte o pescozo ó quedar colgado dunha corda?
Penso sinceiramente que nada, quizais porque o meu morbo non esté á altura do esperado nestes casos.
Ademáis, tamén penso que existe unha doble moral en todo isto: ¿por qué todos se empeñan en que vexa como morre Sadam Hussein e non me ensinaron nin un dos mortos do 11-S, por exemplo? Ou todos, ou ningún.
E para min, ningún.
Deixa un comentario