
O físico Brian Greene en The Elegant Universe
A teoría das cordas esperta unha gran expectación na comunidade científica, porque podería ser a primeira Teoría do Todo. É dicir, a primeira explicación de que hai unha relación coherente e unha base común entre as diferentes forzas da Natureza: a gravidade, o electromagnetismo e as forzas de interacción forte e feble. Para a teoría de cordas existe un elemento común subxacente a toda a materia, no chanzo máis profundo ao que se pode chegar, alén da última partícula coñecida: as cordas, sometidas a unha vibración constante. Segundo os físicos que investigan nesta área, esta vibración é o principio que crea e diferencia toda a materia e forzas naturais. En función dos diferentes patróns das vibracións, da música desta corda, xorden unhas forzas ou outras, quarks ou electróns, gravidade e electromagnetismo. Nos cálculos destes investigadores, se tal cousa fose así, o noso Universo non podería ter menos de dez dimensións, aínda que non sexamos quen de percibilas. E as consecuencias para a comprensión do mundo e da nosa posición nel serían incríbeis. Cómpre dicir que a teoría non é unha cuestión dun iluminado, senón que conta con apoios moi sólidos en toda a comunidade científica, aínda que non se demostrara aínda empiricamente na súa totalidade.
Para Brian Greene, autor dun marabilloso libro de divulgación sobre a teoría de cordas, O Universo Elegante: supercordas, dimensións ocultas e a busca dunha teoría definitiva-, esta teoría do todo sería “a última explicación do Universo no seu nivel máis microscópico, unha teoría que non descansa nunha explicación máis profunda e que proporcionaría as bases máis firmas coas que construir a comprensión do noso mundo”. Co seu libro, o programa de divulgación científica Nova -financiado por Google- produciu unha magnífica miniserie documental chamada como a obra de Greene, o Universo Elegante. Agora pódese ver as tres horas de The Elegant Universe a pantalla completa e mesmo con subtítulos en inglés, para os máis desentrenados. Non é preciso saber nada de física para fascinarse cos novos conceptos de dimensións e as consecuencias para a física, narrados por Brian Greene e cun tratamento de guión absolutamente encomiábel. Unha fantástica programación de Nadal. Para que te animes, aquí che queda o primeiro episodio:

Be First to Comment