Como se borra o pasado: o castro do monte Taume

castro_taume.jpg
Restos do castro do monte Taume baixo as antenas do Ministerio de Fomento

O monte Taume, ou monte de San Bieito, ou Tombo Maior -dos tres xeitos se coñece a este lugar- ten un dos miradoiros máis espectaculares do Barbanza, sobre a metade norte da comarca. O monte está moi ben sinalizado para sendeirismo, e no miradoiro atópase un panel panorámico que permite identificar a fermosura da costa e das montañas. Pero non se dí nada do que hai uns metros máis arriba. Esta antena de Seguridade Marítima foi levantada, a principios dos 90, sobre un castro de dúas murallas que sobreviviu as condicións estremas deste lugar dous mil anos. Segundo as lendas que se contaban na veciña aldea de Olveira, recollidas por Xerardo Agrafoxo, os mouros marcharan do castro tras unha cruenta sucesión de guerras polo territorio, deixando un tesouro soterrado. O Estado encargouse de rematar a faena.

Saltándose as propias leis que crea, a Administración, a través do Ministerio de Fomento (de aquela Obras Públicas), destrozou este castro e o do Monte Enxa para as actuacións relacionadas co sistema de Vixilancia Marítima. Por suposto, non se fixeron as preceptivas excavacións arqueolóxicas. A salvaxada estatal fíxose de aquela co silenzo responsábel das administracións locais, os veciños, as asociacións da zona, a Xunta, o cal fai aínda máis desesperante o caso. Busquei os restos do desastre con pesar, e pouco atopei entre a elevada toxeira. Estes cachotes de mampostería dunha das dúas murallas que existían foron arrombados pola plataforma das antenas. E nin unha soa referencia na información turística do lugar. O lugar desapareceu para sempre.

A todo isto, en todos os posts de patrimonio que escriba a partir de agora vou colocar dous novos indicadores, co obxectivo de axudar a facerse unha idea do lugar: “Áltura da matogueira:“, que indicará a altura aproximada da matogueira que inunda o xacemento e “Índice de impenetrabilidade“, destinado a sinalar o dificil que será andar por el. Apréciese, por favor, a retranca dos indicadores, pero tamén o realismo.

Altura da Matogueira: 1’20 mts. Mestísima.
Impenetrabilidade: Alta. Aquí non entra nin un raposo.

O Castro do Monte Taume en Tagzania

3 Comments

  1. Antón
    24 / Marzo/ 2007

    De acordo en todo o que sinalas nos teus comentarios menos no da impenetrabilidade: Alta.
    Aquí si que entraron as hostes da “Madalena”.

  2. gabriel
    13 / Xuño/ 2008

    Non me estrana nada despois de ollar o modelo que montaron o lado do Museo do Pobo Galego, penso que isa e a referencia cero da Conselleria de Fomento….

  3. Maria
    4 / Setembro/ 2016

    O Monte Tahúme divide duas parroquias, Olveira e Muro. A primeira pertence ó concello de Ribeira e a segunda a Porto do Son. Non estou segura, nacín ós seus pes, na aldea de Seráns, pero penso que esa localización pertence á miña aldea, non a Olveira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará