Bo Nadal, xente

24 Decembro, 2006

nadal_06.jpg
Un lugar perdido no que sempre se atopa un camiño

Eu, que son moi afeccionado á mitoloxía e de natural imaxinación disparada, arrexúntome ao meu laicismo como táboa de salvación ante a voráxine de imaxes destas datas, pero non porei a caldo a súa esencia. Crer, non creo, e habelas, tampouco as hai. Pero si sei unha cousa: dalgún xeito estas datas a moita xente resúltanlle emocionantes. Dáme igual a súa simboloxía. A xente comunícase, intercámbiase correos electrónicos, mándase mensaxes. Temos unha oportunidade para desexarlle o mellor ao tendeiro, ao camareiro ou a un reparador de lavadoras sen que soe estraño. A moitas persoas o Nadal aféctalle como a culminación do ciclo lunar e véselles máis felices, con ese toque de melancolía que parece ter a Ledicia de Pascua. Vivamos estes afectos. Deamos un abrazo, un bico na meixela, un boa sorte por teléfono. Comamos un sinxelo bacallau con coliflor esta noite, facendo nestes días de excesos un recordo humilde da vida dos nosos devanceiros familiares, mariñeiros pobres do ciclo da Maré, labregos de unllas negras, terra e pan de broa, obreiros da faísca metalúrxica, profesores de aulas xélidas de crucifixo e retrato de poder, tendeiros de mazapán e lentellas de Castela. Que teñas unha boas festas, meu amigo, miña amiga.

{ 10 comments… Le abaixo ou engade o teu }

1 ifrit 24 Decembro 2006 at 3:12 pm

Bo Nadal, magago!! Unha aperta!

(teremos crítica gastronómica da comida de Nadal de magago? :D

2 Xavier 24 Decembro 2006 at 5:27 pm

Felices Festas e que teñas un Bo Ano 2007!!!

3 Nacho 25 Decembro 2006 at 1:42 pm

Feliz Navidad!

4 magago 25 Decembro 2006 at 8:49 pm

Ifrit, na miña casa sómosche talibáns da cea de noiteboa. Unha centola, bacallau con coliflor e doces de postre. Iso si, todo moi rico. :-)

5 Moraiminha 26 Decembro 2006 at 11:45 am

Aínda con certo retraso, grazas polos bos desexos. E na miña familia (que non na miña casa) tamén somos moi tradicionais na cea de noiteboa: bacallau con coliflor e polo da casa. ¿qué mellor?

6 X 26 Decembro 2006 at 12:42 pm

BOAS FESTAS tamén para vostede e os seus.

7 Colineta 26 Decembro 2006 at 8:30 pm

Eu, ademáis de non crer como Magago, son un descreído. Así que cando os amigos me felicitan as pascuas (¿ou me fan a pascua?) eu respóndolles con toda naturalidade: Felices Náuseas. Unha das ceas de Noiteboa que máis lembro consistiu nuna cunca de corn flakes con leite, azucre e plátano. Por que me petou. E lembro outra de iogur e auga mineral, neste caso por mor dunha inoportuna gastroenterite. E ainda que me gusta especialmente o bacallau con repolo (así é a cousa no Valadouro) este ano puxen na mesa centola, nécoras e cigalas. Ninguén chegou con forzas ao leitón máis que para pestiscar un pouco no coiro, que estaba de morte mortal. A carne quedou para a comida do día seguinte.
E por non seguir ao pe da letra a tradición, para a comida do 1 de xaneiro teño un capón de Vilalba dos de toda a vida, que irá ao forno recheo de mazás e froitos secos, segundo receita de Toñi Vicente, e do que darei cumprida conta en Colineta.
¡Esto es todo, amigos!. Felices Náuseas.

8 magago 26 Decembro 2006 at 11:07 pm

Colineta, hai un problema. Cando leo os seus menús volvo crer nos miragres. Está claro que a dieta é atea. :-)

9 Colineta 27 Decembro 2006 at 10:24 am

Querido Magago, como conta o dito, un miragre ao ano non fai dano, pero é costume máis sano un miragre cada semana… especialmente se cae en xoves… como o cocido ou os callos.

10 leco 3 Xaneiro 2007 at 12:09 am

Os nosos mellores desexos para 2007.
A familia pelacha

Deixa un comentario

Podes usar estes HTML tags e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>