Un proxecto de paseo marítimo ameaza as praias virxes da Pobra do Caramiñal

As calas “ocultas” da parroquia do Xobre na Pobra do Caramiñal
Na hiperpoboada Ría de Arousa non queda case nin un milímetro de costa virxe. O pouco que chegou sen urbanizar ata finais do século XX é agora pasto de alcaldes que saben que os paseos marítimos son garantías de vitorias absolutas. Por exemplo, na Pobra do Caramiñal. O Concello, coa connivencia da Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente, está deseñando un paseo marítimo peatonal que una a vila coa turística praia de Cabío, na zona que vedes na foto satélite tirada de Google Earth.
Na Pobra do Caramiñal sobreviven de miragre uns dous quilómetros e medio escasos de costa máis ou menos virxe.
Unha fermosísima sucesión de caliñas e cantís entre as ruínas do Mosteiro de Santo Antonio do Xobre e a Pedra da Moura, ao carón do campo de fútbol municipal e a turística praia de Cabío. As augas están beizoadas por unha xenerosa corrente de auga morna que fai moi pracenteiro o baño. Baixo o mar hai un labirinto de pedras nas que se refuxian enormes mandas de peixes que te rodean cando nadas. Sobre a area caen as raiceiras das árbores da fraga e dos bosques de piñeiros, restos da enorme superficie boscosa que hai séculos rodeaba o mosteiro. Lembro ter lido nalgún vello manuscrito unha lenda arredor desta fraga que só sobrevive ás murallas do Castro de Punta Ostreira: ata alí baixaban os lobos desde a serra do Barbanza nos tempos de escaseza. Unha vez, envalentonados -ou, se cadra, mortos de fame- atacaron o convento, a principios do século XVII. Os monxes defendéronse a trabucazos e mosquetes das feras. Desde hai anos, teño gravada esa escena na cabeza, como parte dunha peli que só existe na imaxinación. Nunca comprobei a veracidade desta historia.
Estas calas son refuxio de parelliñas e grupiños adolescentes que buscaban intimidade, de solitarios lectores e paseantes, de familias que chegaban en barco para comer en domingo. Non son inaccesíbeis, nin moito menos, como afirma o alcalde da Pobra e parece figurar no documento do anteproxecto da construción. Iso si, hai que aparcar o coche a quince minutos de distancia, unha enormidade para a nosa cultura da obesidade, e dar un paseo por corredoiras –algo asilvestradas, é certo. Aínda por riba, non se venden xeados, nin cañas de Estrella, nin luras fritidas en quilómetros á redonda. Ese é o problema, en realidade. Imos ver por que.
O que é unha riqueza evidente para calquera planificador turístico moderno parécelles unha pobreza manifesta á corporación municipal da Pobra do Caramiñal. No anteproxecto figura que esta zona está “degradada” e iso é un importante termo para comprender a concepción que esta corporación municipal ten da política medio ambiental. ¿Pode estar degradada unha zona virxe de costa?¿Está degradado o Parque Natural de Corrubedo por non ter farolas, nin basureiros? ¿Ou as fragas do Eume?
Cando din “degradada” queren dicir, en realidade, “non explotada”, tal e como propugna a escola filosófica das Universidades de Benidorm e Marbella. Asúmese que a costa debe ser unha explotación industrial dotada de servizos, cun determinado modelo de rendibilidade económica baseada no chiringuito estacional e nun determinado turismo familiar masivo. Este modelo económico é absurdo e perigoso de principio á fin, na actualidade, porque está baseado na aniquilación da diversidade da oferta para diferentes tipos de turismo. A Pobra do Caramiñal conta xa con dúas praias grandes -Cabío e Lombiña- destinadas a ese visitante que gosta da natureza ultradomesticada e a vila, no verán, está sometida xa na actualidade aos límites de sostenibilidade turística. Preservar e potenciar a virxinidade, a intimidade destas outras praias abriría un produto turístico alternativo aproveitando a riqueza natural e cultural da zona e melloraría moito a imaxe de marca medio ambiental do concello. Observemos ademais, que o anteproxecto indica que se realizará un paseo marítimo pero non contempla, para nada, a rehabilitación do castro que está a pé de praia e a pé mesmo do paseo. É un xacemento reiteradamente expoliado e moi danado que encaixaría perfectamente na posta en valor da contorna, pero nada. Curioso. Non moveron un dedo polo castro.
A Pobra do Caramiñal está sometida a unha enorme presión turística nos últimos anos á que non se está a responder cunha política de desenvolvemento sostíbel. Segundo a noticia de La Voz de Galicia, os propietarios das fincas polas que vai pasar o paseo están encantados, e créomo ben. Se cadra no futuro próximo agarden que se produza algún tipo de recualificación que poña todas as cousas no seu sitio. Ademais, a Dirección Xeral de Costas é moi comprensiva con estas inquedanzas locais. Non hai máis que ver o chiringuito que permitiu construír, hai poucos anos, xusto enriba da praia das Catedrais, na Mariña luguesa.
As praias virxes do Xobre nun ficheiro kmz (para Google Earth)












Pois agarda a que algún dos nosos flamantes “birretes” se lle ocurra a construcción dunha fermosa ponte diseño Calatrava dende A Guía ata as illas Cíes, ou a que algún “boina” se poña mans á obra (nunca mellor dito) coa construcción dun mega complexo talaso na Serra do Xurés. Só é cuestión de tempo, ogallá me equivoque. Aquí en Vigo en poucos anos xa poderemos ir andando ata Cangas de tanto recheo que están facendo. O tema de Vigo é o colmo do terrorismo urbanístico. ¿que aínda se ve un anaco de ría dende algúnha rúa? pois facemos un Auditorio, por exemplo, que non temos, e ala, todos contentos. Como non veñan tempos de subvencións á destrucción de adefesios isto xa non se amaña.
Ana, coincido contigo en que unha parte moi importante do problema é que estas cousas son irreversíbeis. No Barbanza a construción de segundas vivendas ou a compra de inmóbeis directamente para especulación está disparada e comentábanme que xente de Madrid merca pisos directamente a catálogo, sen velos. E todo isto ten, ademais, unha consecuencia directa para a calidade de vida dos locais: o prezo da terra e da vivenda está encarecéndose a unha velocidade de meses, e os rapaces teñen que desprazarse da súa vila para vivir, co cal, por riba, se están cargando a pouca renovación xeneracional destas comarcas.