Un santuario á deusa Tanit na Cova Es Cuieram, de Ibiza

ibiza_tanit.jpg
Cova de Es Cuieram, en Ibiza

Cando visito un xacemento arqueolóxico, tento sempre situarme na mentalidade de quen vivíu naquel lugar. Non adoita ser demasiado difícil: un observa a contorna, busca as fontes de auga, examina o que un pode coñecer da fertilidade do chan, aplica o sentido común ou resucita o xenoma campesiño que levamos na raiceira. Os seres humanos seguimos lóxicas máis ou menos similares ao longo da nosa Historia. Ás veces operan outros valores máis heteroxéneos, agrupados baixo o nome de cultura ou contexto sociohistórico. Algúns castros da sombriza banda portuguesa do Larouco, por exemplo, seguen un patrón diferente ao habitual na civilización castrexa. Mentres boa parte das vilas da época tenta amosarse con rotundidade sobre un territorio, estes castriños foron construídos en lugares apartados e agachados e confundirse coa paisaxe, pero xa non sabemos por que. Cal era o nome propio do medo, do temor nese momento determinado.

Pero outros sentimentos da cultura son comúns e séguense coma un fío de Ariadna ao longo da historia. Ocorre cando un chega á remota cova de Es Cuieram, no oeste de Ibiza, preto da Cala San Vicenç. Os fenicios instalaron nas súas salas un templo á deusa Tanit, por unha banda deusa da fertilidade á que se calmaba co sacrificio de criaturas, dise. A cova está mergullada nun bosque de espesos pinos, e de súpeto ábrese o Mediterráneo azulísimo cunha inmensidade; outeiros, terra; o cheiro forte do enebro, a luz filtrándose polas árbores. Entre esta remota forma de relixiosidade e nós median séculos de hierofanías, de experiencias do sagrado, representadas de xeito similar durante séculos, relixións distintas, culturas diferentes. A paisaxe, un descóbreo aquí, é un valor eterno. As remotas culturas mediterráneas valoraban a comuñón de terra e mar dun xeito semellante ao noso, é dicir, sabían que aquelo era belo. Ocórreseme que a natureza, como experiencia, independentemente dos paisaxistas ingleses, dos románticos españois, da Xeración Nós, dos animistas xaponeses, é un valor máis biolóxico que cultural.

Es Cuieram en Tagzania

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará