Os Museos Vaticanos: facédeme esa cola de dúas horas e media

roma_museos_vaticanos2.jpg
Escada circular dos Museos Vaticanos

Volvería a esperalas, sinceramente, cravado entre grupos guiados, dándolle a volta procesionalmente á muralla do Estado máis pequeno do mundo. Ou a madrugar ás seis da mañá e comer un bocata nesa porta da Cidade do Vaticano. Volvería a moverme por estas salas, a escaparme das masas na Praza da Piña e determe polas galerías de escultura civil romana, camiñando unha por unha, recoñecéndoos a todos. E aí están: ese realismo descarnado da representación das caras, tan terríbelmente inmediato, tan sinceramente plácido. Volvería a sentir a impresión de recoñecer a estes persoeiros de dous mil anos nun busto que nunca vin, á primeira. E a pórme diante de Cicerón e imaxinar como el tamén se mirou nestas pedras. A observar as enrugas do vello esmolante; a examinar con detemento a coraza de Augusto, este home de cabeza cadrada e semblante austero, que un día someteu ás tribos do noso país mentíndolle á cidade e dicíndolle que estaba, en realidade, en Britania.

Hai nesta fidelidade, nesta virtude cívica, unha dignidade perdida despois na escultura pública e política, cando definitivamente se someteu á petulancia, ao arbitrio, á ditadura instrumentalizada da subscrición popular, no XIX. É a perfeccion emocionante da escultura clásica, da precisión científica da súa anatomía, a que revela os avances desa civiliación. Aquí, no Vaticano, está a mellor colección de escultura clásica do mundo: as masas corren polo outro corredor, na busca da Capela Sixtina. Pero aquí, desta beira, do lado sur do pazo, está a galería da escultura clásica, e é preciosa e precisa. Se cadra é o museo máis fermoso que teño visto, e teño visto moitos: poucas veces aprendín tanto en tan pouco tempo, e emocionado tan intensamente nun lugar público.

2 Comments

  1. 6 / Outubro/ 2006

    Que gozosa descrición!

  2. mariana
    12 / Maio/ 2008

    me encanto la escalera

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará