Restaurante A Estación en Cambre: cando os detalles son o todo

25 Setembro, 2006


Comedor do restaurante A Estación (Cambre) nas antigas dependencias de Renfe

Non son home de fixarme moito nos detalles, pero hai veces nas que son os detalles os que se fixan en ti e se convirten nalgo moi importante. Mira o comedor de enriba: á esquerda, por riba desas mesas, pasa unha émula dun tendido eléctrico de posguerra; á dereita, un reloxo de estación, lembrando o pasado funcional deste espazo. Aquí, no restaurante A Estación de Cambre ( 981676911), hai como un montón de detalles que excitan o noso sentido da observación pero que non anulan o verdadeiro sentido de por que estamos aquí. Vexamos outro detalle que me deixou sorprendido:

Ben, este é un tomate recheo acompañado de escuma de queixo San Simón. Fíxate en que se tomaron a molestia de pelalo e logo pórlle, de novo, as folliñas. Pero…

…ao abrir un tomate un descubre que o recheo foi depositado coidadosamente en cada unha das cavernas interiores do tomate, sen alterar o máis mínimo a estrutura do froito!!! Quen se tomou este traballo? ¿Quería conseguir esta sorpresa para nós? O recheo é moi delicado: xogando co mesmo tomate, queixo, albahaca, suave, sen cambiar a propia textura e sabor do froito, enfatizándoo. Refírome exactamente a iso. Pero tamén que as camareiras coñezan perfectamente a maridaxe dos pratos da carta e a composición da adega da casa e saiban recomendala.

Nós optamos polo menú degustación, que cambia de semana en semana, por moito que sorprenda. E foi un baile de sabores e cores, que nin sequera agardabamos, cheo de sorpresas. Verás: comezamos cunha degustación de aceites de Tarragona, fantásticos, moi diferentes entre si, que a mesa deixou alí, entre prato e prato, para atenuar as esperas (que a penas duraron). Despois seguimos cun aperitivo: unha navalla en chupachup que contaba cunha cunquiña de sopa de castañas con aceite de fiuncho; logo seguimos polo devandito tomate que viches antes; logo seguiu unha vieira á grella con ensalada morna de lentellas e foie (incríbel, o mellor da sesión), e continuamos con bonito fresco asado en folla de parra sobre unha sopa de nécoras (intelixente solución para suavizar a sequedade -mínima- do bonito). O plato forte do menú era un capón confitado con crema de castañas e cogumelos que era un desfase. Despois da violencia gustativa do capón, pasamos a relaxarnos cun blue gin tonic, un sorpresivo cóctel de xenebra azulada de angostura, xelatina e capas de xeado e clara na zona superior. Rematamos a festa cun coulant de chocolate feito ao momento con xeado de leite. O café tamén, excelente. 36 euros por cabeza, pero ben pagados. Acompañamos o paseo cun Castillo de Monesma crianza 2000, un cabernet sorprendentemente mineral.

A sensación é como se Xoán Manuel Crujeiras, o propietario da Estación, e a notable condución da xefa de cociña, Bea Soutelo, reconstruiran o estado intermedio que non existiu entre a cociña tradicional galega e a invención da restauración contemporánea. E o resultado é, desde logo, sorprendente e recomendábel.

No interior do post tes fotos en detalle.


Cata de aceites


Aperitivo de navalla con sopa de castañas con aceite de fiuncho. Fotos: Sole


Vieira á grella con ensalada morna de lentellas e foie


Bonito asado con folla de parra sobre sopa de nécoras


Blue Gin tonic

{ 7 comments… Le abaixo ou engade o teu }

1 X 26 Setembro 2006 at 1:32 pm

Así como concordei na mala impresión do Mar de Ardora, tamén nesta ocasión concordo, mais agora, moi positivamente.

2 magago 26 Setembro 2006 at 4:16 pm

Vexo que tes gustos moi similares aos meus, X. Xa me recomendarás algún lugar.

:-)

3 X 27 Setembro 2006 at 9:52 am

Non, non, de ningunha maneira, un dos poucos trazos de cordura que me quedan e non opinar do que non sei, e menos ante expertos sexan estes da materia que sexan, e culinariamente véxoos a vostedes moi postos.
Un saúdo :-)

4 ninfuninfa 10 Maio 2008 at 6:09 pm

este local e bonito pero moi caro para a pouca cantidade que serven.

5 xoxe 31 Maio 2008 at 1:52 am

a min me encantou o primeiro dia e o segundo e o terceiro e asi ata oxe

6 pepe 2 Setembro 2008 at 11:47 am

El sábado fui a comer al restaurante A Estación en Cambre A Coruña Galicia. Llevé un bono de 3 eurochefs que me habían enviado con mi tarjeta Turyocio y previo a la visita consulté la página web de bonochef para ver que estaba todo correcto. Así era. Fuimos al restaurante /cuyo precio medio en su web pone 33 euros por persona). comimos un entrante un plato cada uno postre y vino (de los más economicos de la carta 16 euros) y acabamos pagando 45 euros por persona. Al pagar me dicen que hacer meses que no pertenecen a bono chef y no me admiten el bono.
Quería solicitarles 2 cosas:
- Que actualicen o comprueben la información de sus restaurantes asociados (de 33 por persona a 45 …)
- Que eliminen a aquellos que no pertenecen. (aunque pudo ser una información incorrecta del restaurante)
De todas formas reitero mi queja con el restaurante

7 Anonymous 21 Novembro 2008 at 11:43 am

5555

Deixa un comentario

Podes usar estes HTML tags e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>