Tellas e loureiros na Torre da Moa, en Traba

torre.jpg
Torre da Moa, en Traba (Laxe), dende a Pena Gallada.

O val de Traba (Laxe) limita ao norte co océano. O enorme areeiro que pecha o val ten unha sombra de auga, a lagoa do mesmo nome. Todo ese lugar -dos meus preferidos na Costa da Morte- está cheo de resonancias míticas e históricas. De aquí era Pedro Froilaz, o Conde de Traba, o aio do emperador Afonso VII e protagonista dunha incríbel historia medieval de fuxidas na noite e agachadas entre granito para protexer ao infante. Sempre que entro no Panteón dos Reis de Galicia -esa esquencida capela que está na Catedral de Santiago- voume directo a ver a tumba dese grave cabaleiro, a fixarme en como o artista o representou na lauda erguendo lixeiramente a cabeza para vixiar ao seu señor El-Rei. Afonso debeu querer que soterraran ao seu protector ao carón, malia non ter sangue real. Merece ler as súas aventuras en Magog, unha espléndida novela de María Gándara.

No sur, o val péchase coa Torre da Moa, un dos picos do macizo granítico coñecido coma os Penedos de Traba. Para chegar á Torre, hai que gabear por un empinado camiño aberto a machada entre a matorranca. Todo ao camiño do pico, aparecen misteriosas, estreitas e musgosas cavernas naturais que naceron a partir do granito escachado. Dende este pico, o val, o océano, as serras ábrense a berros e a coiteladas na orografía. Teñen penachos graníticos de enormes figuras.

Xa na zona superior, o chan da Moa aparece estrada de pequenos restos de tella, de cerámica basta con moitas partículas de cuarzo, rótulas de mamíferos, cunchiñas de ostras e outros mariscos. ¿Por que sempre hai cunchas e ostras nestes castelos serráns?. Na base do gran penedo que define o lugar, atópase un túnel natural inzado de anacos de cerámica que se chama a Cova dos Mouros. Canonicamente, a lenda di que era unha saída dos xentís ata o areeiro e a Lagoa -que no seu momento tamén tivo unha cidade lendaria, hoxe asolagada-. Aínda que polas webs dise que os restos son medievais, a cerámica pareceume máis castrexa que outra cousa. Nalgunha da tella aínda se poden ver as pegadas da palla sobre a que estivo apoiada. Nos enormes penedos, se un observa, pode ver calzos e amarres para a madeira, nalgún punto mesmo inverosímiles. E, no alto, un pequeno e máxico bosque de loureiros: gardamos follas na mochila para despois, na casa, facermos sardinas á parrocha á saúde dos mudos e sagrados montes do país. O alto da Moa, dunha beleza brava de penedos escachados pola acción dos raios, de cazoletas enormes que deixan sucos en paredes verticais, agacha máis misterios. Tanta tella, pero nada da mampostería -a pedriña pequena para construír- tan típica destas atalaias costeiras. Quen viviu aquí empregou basicamente a madeira para protexerse da durísima metereoloxía mentres observaba o diminuto val e as valgadas de acceso, ou mentres facía plegarias a algún deus de nome esquencido. Ao explorarmos os penedos á busca de calzos para as trabes, un non para de facer cábalas sobre a resistencia das construcións neste niño de aguias.


A Torre da Moa en Google Maps

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará