Fernando González prefire que o chamen Fernando Algueira, recuperando o alcume secular da súa familia de Amandi. É alto, de pelo crecho e descoidado que se vai perdendo polo camiño dos seus corenta e longos de diante para atrás. Pasea por entre os muros da súa diminuta adega, nun día de sol batente, á sombra dun souto de frondosos e frescos carballos que case pousan as pólas sobre os muros de pedra neorrománica do minúsculo almacén. A poucos pasos, cae ao baleiro o aire no canón do río Sil, na mítica parroquia de Amandi, no corazón da Ribeira Sacra. E aquí, na sombra desta adega, cóidase un dos mellores viños da denominación, o Algueira.
O interior do recinto é mínimo e coidado coma un teatriño de feira de principios de século. Telóns penduran do teito dividindo estancias. Atrís amosan os viñedos esvarando polas ladeiras. Uns pequenos bocois coidan o prezado crianza, un dos poucos que se fabrican na denominación de orixe. E á esquerda, os grandes bocois de aluminio incuban o prezado líquido no ano. Nesta atmósfera, cada botella parece ter nome, apelidos, pai, nai e mesmo descendencia putativa. Fíltrase a luz. Un gato maulla entre as caixas de madeira nova.
-Rexeito calquera outra man en todos os procesos creativos que teñen que ver coa vide –explica Fernando Algueira- por iso paso todo o día entre estas viñas. Coido de cada cepa eu mesmo.
Hoxe Fernando debería estar ben contento. O crítico de viños de El País, Carlos Delgado, seleccionaba o Algueira Crianza 2004 como viño da semana, cunha puntuación de 8,9 sobre 10 e un parágrafo envelenado no que o crítico contextualiza :
Uva y pizarra en un clima complejo que permite la diversificación. Las condiciones no pueden ser mejores. Los resultados, no tanto. La mayoría de los vinos no superan una estimable mediocridad, con algunas excepciones. Entre ellas, este tinto que se acerca al nivel de los grandes.
O certo é que o viño parece criado monllo por monllo con maniático coidado, porque o sabor do Algueira é diferente a outros mencías, notábelmente persoal na súa identidade. Hai un toque non tan floral, como máis maduro, que supera a acidez dos malos viños da zona e enriquece con matices maduros e profundos a festa das flores dos bos Amandi, coma o Viña Cazoga. Parece prematuramente envellecido no gusto, pero novo aínda no fondo. Ao seu godello ocórrelle o mesmo. Fernando Algueira aínda experimenta na sorte dos crianzas. A adega é novata, a penas seis anos. O tempo de repouso do viño nos bocois de carballo francés, unha incógnita. A decisión sempre varía, de súpeto hai que tomala. A colleita do 2004 non chegou aos 12 meses. Pero aprender os tempos da espera aínda é unha materia noviña por estas terras. E Fernando parece estar a aprender moi de contado.








1 resposta
É certo que Algueira ten bó viño, pero tamén hai outros na Ribeira Sacra o mesmo ou mellores co del. Refírome a Regina Viarum expresión, a Adega Anzio ou Guímaro. Non lle envidian nada o Algueira, pero non fan tanto marketing.
Os viños de Doade son os mellores, e as bodegas son todas boas.
Coméntanos algo