Non, nunca me metera co Clan do Oso Cavernario, a triloxía da escritora Jean M. Auel. Así que nos días pasados chegoulle o momento. Tiña algún prexuízo contra o libro. A obra está ambientada nun periodo case estéril para a literatura seria, se cadra porque sempre se escribe o pasado dende o presente e a Idade de Pedra parece un confuso e abstracto periodo no que non hai mortes heroicas nin conxuras nin patrias polas que sacrificarse. Nun nivel bizarriño, lembro algún opúsculo en plan boutade picante, explorando determinados aspectos semisado derivados da convivencia entre dinosaurios e loiras exhuberantes -pero eran crúas perversións technicolor dos 50 ou, nalgún caso, do victorianismo-. Pero pouca cousa que merecera a pena.
O Clan do Oso Cavernario é diferente. Permíteme dicirche o que máis me gustou: a elección da protagonista. Unha personaxe clave para comprender a hipotética coexistencia entre neanderthais e sapiens e no que se produce unha loita visceral entre a integración, a tolerancia e a diferencia. Jean M. Auel especula dende un punto de vista moi razoábel sobre o cerebro dos Neanderthal, a mestizaxe das especies e consegue unha novela sentimental, etnográfica, de aventuras, que un non pode deixar de ler. A clave do enganche está nunha trama bastante orixinal para o concepto best-seller , aínda que existen, coma sempre, os grandes temas (A iniciación, O Enemigo Próximo e Eterno, as Boas Persoas, o Personaxe Recto). De tódolos xeitos, e se queres polemizamos, o que máis me gustou foi a profunda ollada feminina que Auel lle imprime a todo o relato, especialmente salientábel se segundo determinadas teorías históricas -bastante discutidas, por certo-, as mulleres exercían un papel esencialmente reprodutor nas microsociedades paleolíticas. A protagonista acepta ese rol subordinado e procreador de xeito conflitivo, pero logra subvertelo para axustalo aos seus fins, o cal demostra unha gran habilidade por parte da escritora para moverse no estreito escenario da hipótese histórica. Os resultados son notábeis, e todo invita a continuar coñecendo a Ayla, a moza sapiens adoptada polo clan dos neandertais.

Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 


{ 4 comments… Le abaixo ou engade o teu }
E un libro rico en nomes e usos de prantas e tamen en escenas subidas de tono.
A min gustoume cando o lin.
Alguén dixo prehistoria? Eu, como o gato da canción infantil (”al olor de las sardinas, el gato ha resucitado”), reaparezo ó cheiro da prehistoria.
Respecto ó papel da muller na sociedade da Idade do Bronce no NW peninsular (a través da arte rupestre) ando a traballar precisamente nas últimas semanas, xa que mencionas o tema. Xa sabes, se queres mais información…
Alguén dixo prehistoria? Eu, como o gato da canción infantil (”al olor de las sardinas, el gato ha resucitado”), reaparezo ó cheiro da prehistoria.
Respecto ó papel da muller na sociedade da Idade do Bronce no NW peninsular (a través da arte rupestre) ando a traballar precisamente nas últimas semanas, xa que mencionas o tema. Xa sabes, se queres mais información…
O Gourmet
Mulleres na Idade de Bronce a través da arte rupestre? Um, moi interesante. Coido que mañá falaremos.
Deixa un comentario