Fraga de Catasós
As terras do Deza son unha sucesión de suaves outeiros e regatos. A antiga riqueza da zona percíbese no número de campanarios e balconadas pacegas, na dispersión poboacional de febre case litoral. Un dos meus gustazos preferidos e tirar o coche polas pistas rurais e agardar a que algo chegue, sexa o que sexa. Así é como atopamos a Fraga de Catasós, en Lalín, catalogada como Monumento Natural de Galicia. E o espazo non é para menos. Unha finca de enormes castiñeiros e carballos, cravados como rañaceos, nun territorio de absoluto silencio. Paseamos entre as follas secas. A pouco que un mire, descobre como neste territorio as castañas completan o ciclo da vida: medio soterradas na frouma, obsérvanse como pouco a pouco agroman pequenas prantas delas.
Catasós pertenceu dende hai varios séculos á familia Quiroga. No seu modesto pazo escribiu Emilio Pardo Bazán algúns capítulos dos Pazos de Ulloa nun verán. Hoxe en día, na arquitectura do lugar parece vivir a soedade e a pena. Aínda vive alguén alí dentro, pero o toxo seco que sae polas fisgas das cortes dá idea do abandono. Como vedes na foto, un espello pendurado da contra fai as veces de tocador cando a dona abre a fiestra.
Pazo de Donfreán
Máis alá está un pazo fermosísimo: o de Donfreán, na mesma parroquia de Catasós. Parece cravado nun tempo terrorífico de Romance de Lobos. A impresión provén de que as fachadas ceden e ábrense no tempo coma os ollos na madurez, o granito está pintado de liques, unha fraga seca parece envolvelo e devoralo e na fachada descomposta fican símbolos atípicos, como un estraño escudo blasonado e unha cadea con argola recollida no medio do paredón.
Un detalle dunha das chemineas de Donfreán.
Fotos de Sole.
“Catasós, Catasós, catorce veciños e quince ladrós”, dicía o meu avó. O quince, e o ladrón, era o cura.
que bo!
:-)