Alicia. 35 anos. Economista.
-Traballo unhas dez horas diarias. Hai un ano o meu médico dictaminoume un problema de hipertensión. Xa sabes, vida sedentaria, tensión, estrés, que che vou contar. Tres días á semana entro no traballo ás nove da mañá, baixo a comprar un kebab á mediodía e remato ás nove menos vinte da noite. O médico díxome: “tes que facer exercicio diario”. Non me dixo nada novo. Eu repítome tódalas mañás: “nena, estás máis fofa que un peluche”. Pero ás nove da noite, se teño que tirarme nunha colchoneta no ximnasio, coido que durmiría coma unha pedra. Así que atopei a fórmula perfecta para conciliar vida laboral e vida persoal. Cando remato de traballar, no canto de ir ao ximnasio, vou ao Corte Inglés ou ao Alcampo. Collo un carro para facer a compra e lánzome disparada polos corredores, correndo pero dun xeito que parece case discreto, como de persoa importante ou nai de familia apurada. Corro, corro, corro entre andeis mentres tiro do carro cheo. Calculo que lle fago, polo menos, quilómetro e medio ao supermercado. E cando teño que comprar poucas cousas márcome un par de longos entre a zona de electrodomésticos e a froitería, indo por un corredor e vindo polo outro para disimular. Ao chegar a casa, tírome derreada no sofá.








Esperando pola túa opinión
Aínda non hai comentarios. Pero podes iniciar a conversa empregando o formulario de abaixo.
Coméntanos algo