Pódenme crer: non é postureo e teño testemuñas. Imaxinen o estadio dos Boca Juniors, en Buenos Aires. 60.000 persoas urrando no derby entre o equipo anfitrión e o River Plate. Xúrovos que tremaba o cemento, todo o estadio, coma se fora un flan. Masas de cores, ondas con formas, helicópteros, obxectos desprendidos dende a grada superior. Un sudoroso e temíbel organismo colectivo. Nin sombra de policía en ningures. Comeza o partido. Recóstome contra a grada.
Aos vinte minutos quedei pracidamente durmido no medio da multitude. O último que lembro é a uns pais de familia, atrás miña, chorando -literalmente chorando- por un xogador que está tumbado no céspede, facendo o típico teatro de dor por unha patada contraria. Aqueles tipos crían que iso estaba pasando. Entre as monótonas patadiñas dun lado para outro, quedo durmido. Pásame como a Homer Simpson: son incapaz de percibir algo alén dos sucesivos roubos de balón dun partido de fútbol.
Por suposto, o partido de hoxe é diferente. Porque é unha festa na que coido que o fútbol, aínda que pareza paradóxico, é o menos importante. Supoño que o feito decisivo é moi sinxelo e simple: xuntámonos 16.000 persoas de pensamentos moi diferentes nun estadio por unha causa común na que ninguén ten intereses directos de peto ou bandullo. Tal cousa, en Galicia, dáse en moi contadas ocasións. A partir de aí, cadaquén constrúe o seu propio mito e a súa propia retórica.
Iso si, se me atopades nunha grada do fondo norte, durmindo coma un xanciño, non me espertedes. Non me pidades máis do que hai. Estarei rendido ante a patria de Morfeo. Que, ao final, é a única á que non renunciamos a diario.



Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 





{ 0 comments… engade o teu agora }
Deixa un comentario