meeting bingo

17 Decembro, 2005

meeting

Garisa fálame onte do Meeting Bingo, o novo xogo de despacho de gran popularidade nas oficinas de medio mundo e nos auditorios de longas xornadas e seminarios académicos. Non sei se coñecedes o fenómeno, pero descríbese bastante ben no gráfico de aquí enriba. Trátase dun remedio infalíbel para mitigar longas e tediosas xuntanzas de traballo. Nunha cadrícula colócanse diferentes locucións, termos, expresións empregadas polo xefe ou o motivado equipo de traballo como lugares comúns e frases retóricas e baleiras cos que dar apariencia de seriedade á materia coa que un se gaña as lentellas. Por exemplo: sinerxia, xa que logo, optimizar, estou firmemente convencido, análise DAFO, mellorar as canles de comunicación, etc., as muletiñas típicas do teu contorno de traballo. Segundo se van pronunciando na xuntanza, vanse marcando no papel. E, como no bingo, cántanse liñas ou bingos no medio da xuntanza. E aquí ven o quid da cuestión: unha liña pode, por exemplo, cantarse discretamente mediante o sinxelo xesto de levantarse e ir ao servizo. Ou pronunciar alto e forte: “É preciso un plan de acción integral“.

Por suposto, o xogo gaña emoción e rapidez canto menor é a riqueza léxica do xefe ou grupo de traballadores. Con políticos, por exemplo, seica vai de medo. E xa hai quen pensa en empregalo para darlle algo de ánimo ás roldas de prensa posteriores ao Consello da Xunta. :-)

{ 1 … Le abaixo ou engade o teu }

1 Anonymous 18 Decembro 2005 at 9:52 pm

CheXire di:

Xenial! Esta semana mesmo empezaremos a poñelo en práctica na clase de Pereira! (aínda que a quen lle toque “Ola” e “compañeiro” sae con moita ventaxa).

Pero íamonos forrar se vendéramos os cartóns para certas clases da facultade e non poño nomes, que como di Jacob Nielsen, “coidado co que escribes, que ó mellor pódeche ler o teu futuro xefe”. Así de duros son os “tempos novos”.

Deixa un comentario

Podes usar estes HTML tags e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>