Despois de bastante tempo agardando, onte vexo á fin The God who wasn’t there, unha peli documental de Brian Flemming. Vai aquí a declaración de propósitos do sitio oficial:
Bowling for Columbine did it to the gun culture.
Super Size Me did it to fast food.
Now The God Who Wasn’t There does it to religion.
As premisas do documental baséanse na seguinte afirmación: Xesucristo é un mito creado a imaxe e semellanza de numerosos ‘heroes salvadores’ anteriores. Xa que logo, o cristianismo é unha impostura. O obxectivo colateral parece ser arremeter contra o fundamentalismo cristián e o conservadurismo norteamericano. Esa sumatoria podería resultar interesante, pero o documental desenvólvese chapuceiro de vez: a montaxe é made in casa e o guión acaba por ser trampón. Así ocorre co sarillo retórico de identificar ao cristianismo contemporáneo exclusivamente coa facción Mel Gibson e recrearse no sangue e esputos da súa Paixón. Evidentemente, o efecto propagandístico sería moi distinto se se entrevistaran a teólogos e crentes máis preocupados pola dimensión social e as implicacións éticas da relixión coma o noso Chao Rego. É máis doado rirse de xente que cre en xerarquías anxélicas e limbos que dos teólogos da liberación, que tamén seguen a crer na mitoloxía pero doutro xeito. A mestría do director debería consistir, para min, en moverse con facilidade no cerne destas complexas cuestións, e non solucionar a papeleta buscando freaks que den a razón ao noso argumento por si mesmos. A clave consiste en xunguir todas as ideas nun discurso cinematográfico.
O documental convértese, xa que logo, en libelo. Coma no Farenheit 9/11 de Michael Moore, unha oportunidade perdida da cinematografía documental. Non critico aos libelos, por suposto, pero na medida en que se apropian de determinadas técnicas xornalísticas -a entrevista, os múltiples puntos de vista sobre os feitos, a comparación de cifras, a secuenciación de acontecementos- revelan, en última instancia, o seu obxectivo de trascender o campo das ideas e das opinións e facerse pasar por narradores de feitos. A última palabra é, por suposto, a do público que decide acreditar na trampa. E eu, a pesar de que coincida con boa parte das opinións do filme, non acredito na técnica.

Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 

{ 5 comments… read them below or add one }
(CheXire di:)
Non sei, quizáis “Bowling” supuxo para o cine documental algo parecido ó que fixo StarWars no seu día co cine non costumbrista: unha renovación de linguaxe gracias en boa parte a unha profunda renovación técnica. Por desgracia, nos dous casos, o legado quedouse máis na técnica que no contido.
Bowling foi un sopro de aire fresco e hai que recoñecerlle a Moore o mérito de ampliar o espectro de público do documental. Pero iso non abonda para xustificar o “todo vale”.
Leveime un chasco con Farenheit, que me pareceu enxendrado no máis irracional e profundo odio persoal, moi alonxado do ollo (auto)crítico de “Bowling”. En “Farenheit”, Moore parece un personaxe do “King Of Fighters” coa barra turbo a tope, dando ostias considerables sen saber moi ben a onde apuntar…
SuperSizeMe ía por ese mesmo camiño, tentando desfrazar de xornalismo de investigación o que parecía pouco máis que unha proba semanal dos “Jack Ass” (con tódo o dignísimo respeto que me merece esa banda de gil*!!!*$$@@!¿0_o!!s..). “¿Que vai pasar se me paso un mes comendo porcalladas do McDonalds”. Home, pois aparte de encher a casa de regaliños dos HappyMeal, non pretenderás adelgazar, ¿non?
Oíra falar bastante ben de “The God who wasn’t there”, como unha respetable aproximación ó fenómeno de extremos dos ultrafanatismos relixiosos vs emancipación de Deus que estamos a vivir nestes días posmodernos. Fenómeno, por outra parte, que necesita valentía para afrontalo (que a pouco que digas, xúntaseche o KuKuxKlan e o Comité de Pais Coléricos e Desocupados de América diante da porta pa lincharte..). Claro que a última persoa que me falou ben dela me dixo todo entusiasmado “é igual de boa que Farenheit!”…
(Chexire di:)
Joder, que largo me quedou…
Ola, Chexire, un pracer verte por aquí!
Totalmente de acordo contigo. Bowling for Columbine foi, ao meu ver, un soberbio experimento cinematográfico feita por un tipo algo outsider que operaba con total liberdade e poucos prexuízos (debería dicir coma un francotirador?) sobre a linguaxe fílmica. Non descubre ningunha técnica nova, pero sabe combinalas moi ben entre si. Farenheit -aínda que moi pouca xente se atreveu a dicilo, supoño que por motivos extracinematográficos- foi bastante fiasco. O motivo, para min, é que se en Bowling Moore pretende facer un ensaio sobre a sociedade norteamericana e a violencia, en Farenheit pretende PROBAR uns feitos moi determinados: as estreitas relacións entre a familia Bush e a familia Laden, etc.
Claro, a cousa cambia. Porque non é o mesmo opinar sobre a sociedade que demostrar feitos concretos, que requiren moito tempo e recursos de investigación aos que dubido que fora capaz de acceder Moore.
Outra cousa é que ás veces os espectadores temos confusión. Porque podemos estar ideoloxicamente de acordo coas teses defendidas polo director pero, ao mesmo tempo, estar aturando un bodrio de filme. E aí é onde todos temos que escoller con que nos quedamos. Particularmente, eu téñoo cada vez máis claro: xa postos a estar sentado e quieto nunha sala de cine durante un par de horas, prefiro facelo vendo algo co que realmente disfrute.
Os libelos xa os consulto en Internet.
P.D.: A min tamén me quedou enorme.
Eu non creo que “The God Who…” sexa propiamente un documental,senón un ensaio cinematográfico que toma postura dende o inicio mesmo por unha tese determinada.Non é un estudio do cristianismo,senón un escopetazo no peito do cristianismo por parte dalguén que sufreu po-la súa culpa dende a infancia.¿Chamámoslle a iso “libelo”? ¿En base a qué se supón que é máis cristián unha monxiña que Mel Gibson?¿En base a qué se supón que é máis “cristián” o Cristo da paloma branca que o que secaba árbores porque non daban fruto ás súas ordes no mes de xaneiro,ou que aquel que non viña a traer a paz senón a espada,ou que o que decía que se mirabas á muller do teu veciño con desexo xa tiñas pecado,etc.,etc.? Flemming plantexa unha serie de cuestións tan simples,obvias e de sentido común que incomodan.Por exemplo,unha sumamente incómoda para os novos cristiáns:Se a Biblia condena algo,¿en base a qué decides vós “hasta certo punto,sí,pero daquela maneira”? Esta contradicción tena que afrontar todo fillo de veciño.Porque o que en Occidente diga que non é cristián non sabe de qué está falando.
¿É libelo aquelo co que non estamos dacordo? Obviamente.Superficialmente pódese estar dacordo con algunhas cousas,pero no fondo…¡ai no fondo!…
¿Realización chapuceira? ¿Está vostede de coña,non? A realización é simplemente extraordinaria.O director ten un obxectivo e utiliza os mellores recursos para alcanzalo.
¿Que Michael Moore non ten capacidade de investigación? Outra vaca no millo.A Moore sóbralle capacidade para o que queira,pero o seu obxectivo non é facer unha bonita tese doctoral senón dar un soberano soplamocos.¿Que a un isto non lle gusta ou non lle parece ben? Totalmente lexítimo.En cambio,outros pensamos que se de algo está necesitado o mundo é de Moores e Flemmings que lle chamen ás cousas polo seu nome,e non teñan nen dios,nen patria,nen señor.Sobra xente que faga documentais e filmes relambidos.
Por último,estes dous non che van decir cómo tés que vivir a túa vida,cousa que os teólogos,incluindo ós da liberación,sí fan.
Ante esto non valen mexiricadas,senón decir o que lle dixen eu a un cura que nos viña a gobernar a vida cando estaba morrendo miña nai:”Non me quentes,porque te saco daquí a hostias”.