
Un teixugo, ou porco teixo.
En Uteria vexo ao falcón Horus fuxir do seu amo e entrar nun conflito territorial con outro fermoso exemplar de rapaz nos piñeirais, a carón da praia da Corna. Alí aparecen varios corvos, que se xuntan á batalla aérea. Horus fuxe coas súas pequenas alas por entre os bosques. Aquí, neste pequeno cocho, están dúas xenetas. Son animais misteriosos, tímidos e fermosísimos. As pobres foron collidas nun galiñeiro. Son macho e femia. A penas as vés durante segundos, pero percibes dúas estrelas entre as madeiras. Hai problemas coa femia, hai sospeitas bastante fundadas de que está impregnada.
A impregnación é un problema de verdade para un animal salvaxe que ten que ser reincorporado á natureza. Consiste en que a esa pobre xeneta os humanos non lle damos medo. Percébenos como algo positivo, algo do que pode obter algo, se cadra comida. Pode que alguén a coidara de pequena. A impregnación pona a mercé do seu principal depredador, que vén sendo calquera desaprensivo, elimina todas as súas armas sensorias. Mentres, o macho colócase ao carón mirándonos mentres chía os dentes.
A sorpresa máis bela chegou despois. Entramos na finca enorme e abandonada que fora o soño no que se enterraron os cartos dun indiano a mediados do XIX. Eu non sei se lembrades canto se queimou o Barbanza durante o verán. Boa parte da franxa sur da comarca foi unha torrada enorme e imposíble de deter. Pois ben, no medio da queima, miragreiramente, un illote vexetal sobreviviu. E alí dáse o máis fascinante fenómeno animal que teño visto en Galicia.
Hai un antigo terreo agrícola abandonado, sobre o que medran carballos e piñeiros en mestura, nunha gran alfombra de fieitos. Uns anos atrás, un grupo de teixugos expulsou das súas tobeiras a varios raposos e asentouse na zona. Crearon unha colonia con máis de 40 tobeiras. Todo o prado está cheo de montiños de terra expulsada do subsolo pola actividade incesante dos teixugos. As 40 entradas comunican centos de metros de galerías e cámaras entre si. Poden estar alí a vivir máis de 20 exemplares, todas femias. Esta república de femias vive de xeito independente aos machos, xa que estes tenden a ser solitarios e soturnos, e algo máis errantes. Todo o monte ao redor está cheo de camiños. Ao principio pensei que eran sendeiriños feitos por homes. Pero non. Cando menos seis camiños recoñecíbeis saen desta polis de teixugos cara Palmeira. E moitos outros para as aldeas do carón. A visión é fascinante. Atopamos as novas tobeiras de raposos expulsados algo máis enriba, ao carón dos camiños. Lembreime do discretos e tímidos que son estes animais: os vellos labradores lémbranse de velos en moi poucas ocasións, á noitiña. Saben que son fortes, varudos e bravos coma lerchos.
Comprenderedes que non dea máis datos de onde se atopa este marabillosa cidade de animais.



Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 





{ 2 comments… Le abaixo ou engade o teu }
Fas ben en non dar o enclave esta polis de teixugos. Non tardarian muito os humanos en escachifala.
Un saudo de Acedre.
Entereime recén que a Sociedade Galega de Historia Natural está a realizar un censo de teixugos. Coido que a eles si llo vou dicir.
Deixa un comentario