Hai persoas que fan un traballo inmenso pola cultura local, que é a máis bela cultura de todas. Que mollan as botas, que pican as pernas percorrendo o territorio, que levan unha vida discreta e produtiva lonxe dos círculos capitalinos. Así é Xerardo Agrafoxo. A este prolífico noiés, historiador e narrador, creo que nunca se lle recoñeceu publicamente o inxente traballo que levou a cabo en 1986, cando realizou a catalogación arqueolóxica da comarca do Barbanza. Agrafoxo percorreu a comarca de arriba para abaixo, comendo toxo, recollendo tradición oral, medindo castros, atopando túmulos megalíticos, descubrindo petroglifos entre a frouma dos bosques.
Cando era pequeno agasalláronme co resultado dese proxecto: o libro Prehistoria e Arqueoloxía da Terra da Barbanza. Aínda o conservo, remendado con celofán, rachaduras, sombras de dedos cheos de terra, puntas de toxo. Chapeime de aquela localizacións, orografías, antigos depósitos. A maior parte deles quedaban a unha distancia imposíbel de acadar en bicicleta, así que tiveron que agardar atá máis tarde para visitarse.
Esta fin de semana dinme o capricho de buscar o Castelo de San Mamede. De pequeno lía e relía con fascinación como ata hai moi pouco tempo, naquel lugar lonxano da parroquia de San Pedro de Tállara en Lousame, nun misterioso reduto de enormes penedías, aínda ficaban en pé casas redondas da época castrexa. Se petabas na pena máis grande escoitabas campás. Entre os muros esmorecidos había un túnel abatido. Ata alá fumos. O monte está cheo de enormes penedías, e convertido nunha desfeita forestal absoluto. Percorrimos bouzas incendiadas, bosques abandonados, chimpamos por penedos imposíbeis. Custou moito dar con esta mole pétrea.
O lugar é estraño: unha muralla moi esmorecida rodea a base da penedía. A zona superior é infranqueábel pola maleza. Grosos lenzos de mampostería esvaran polas agudas pendentes. Parece un lugar imposíbel para a vida estábel, pero é unha torre natural privilexiada para usos militares. Todo ao redor, o lugar está estrado de tella de dúas facturas diferentes: unha moi basta e con abundantes cachos de cuarzo, a outra algo máis fina. Se cadra na época romana ou medieval, San Mamede foi un importante punto de control sobre o territorio. Hoxe, o lugar desaparece como un castelo de area.
Para visitar o Castelo (só recomendábel para xente moi forofa do tema). Na glorieta do Confurco (Lousame), hai que coller dirección Noia. A pouca distancia, veredes un desvío cara o Parque de San Lourenzo. Dende aí, hai que subir pola pista da “Rota dos Penedos” e, como uns 800 m. despois, torcer á esquerda por un sendeiro case esborrallado. Aquí hai unha foto co desvío e frechas indicando en que penedos está o castelo.



Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 





{ 2 comments… Le abaixo ou engade o teu }
Un primeiro comentario enton,
eu son de Lousame, os meus avos ainda viven ai en Gandarela e Aldeagrande e acordome de ir de pequeno a San Lourenzo cada ano polo menos unha vez, e e certo que e un lugar maxico, todos eses enormes penedos e a natureza e tranquilidade.Pero sendo nenos a aventura non chegaba ata onde o castelo esta, espero ter a oportunidade desta vez cando vaia. Apaixoname a arqueoloxia, e gustariame conocer mais a do meu propio concello.
Unha aperta.
Sergio Figueira Tubio
I can’t add your feed to Feedburner. How I do this?
Deixa un comentario