Geralt de Rivia

witcher
Escea do xogo The Witcher (en produción)

Remato estes días a saga de Geralt de Rivia, unha grosa recompilación que fixo Círculo das aventuras da personaxe máis coñecida do escritor polaco Andrzej Sapkowski. Dende sempre son afeccionado ás historias de fantasía heroica. Pero non agardaba atoparme cunha historia como a de Geralt, un bruxo que vive un mundo en descomposición. Situámonos ao final da era máxica. Boa parte das razas míticas que poboaron o mundo –civilizadas, como elfos ou ananos- ou salvaxes –grifos, manticoras, dragóns, estrixes, vampiros- están a piques de desaparecer ante a presión demográfica humana. Geralt é un bruxo, é dicir, un ser que foi sometido a alteracións para preparalo especialmente para a loita contra perigosos monstros. A personaxe está inspirada orixinalmente no Philip Marlowe de Raymond Chandler. Cada monstro que mata -e case todos xa están en vías de extinción- é un paso máis cara a contradición da súa propia vida. Está preparado para loitar contra o mal, pero moitas veces non sabe en cal das caras da moeda está este.

Sapkowski, un autor moi popular na Europa central, obtivo un enorme éxito con este libro, do cal os propios polacos mesmo fixeron unha superprodución cinematográfica. A versión interactiva da saga chamarase The Witcher: é un xogo de excelente calidade gráfica e elaborado argumento elaborado tamén por un estudo polaco e que, dende logo, promete. Pero o que me gusta desta saga é a excelente combinación de factores. Sapkowski combina con moitísimo humor boa parte da tradición oral europea, alterándoa e invertíndoa. Por exemplo, coa lenda da serea dos Mariño. Un príncipe ama a esta serea e emprega a Geralt de intérprete para ir buscala ao mar e levala a terra, facerlle unha operación para darlle un par de pernas e facela princesa. A serea, nadando entre as ondas, berra alporizada: nunca se someterá a ese horror. Se o príncipe a ama, o mellor xeito de demostralo será con que el se convirta en tritón e baixe a vivir ás profundidades do mar.

Na saga, as personaxes móvense nunha moralidade dubidosa, compulsiva, de sexo, diñeiro, compaixón, rexeite. Sapkowski fai continuas chiscadelas paratextuais ao lector: Como lle di Geralt á raíña Calanthe:

-Non paga a pena preocuparse polos fabulistas, se non teñen material abondo xa han de inventar algo. E cando teñen á súa disposición materiais auténticos defórmanos. Como moi ben sinalaches, isto non é un conto, senón a vida real. Terríbel e malvada […]

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará