maxia

27 Xuño, 2005

azor.jpg A maxia naceu como a primeira vontade de intervención do ser humano na natureza. En paralelo á creación de técnicas para intervir nas partes da nosa vida que non controlamos -vudús, meigallos, rituais-, na historia cobraron especial relevancia os auspicios, isto é, a lectura en datos da natureza intimamente relacionados co destino particular dos seus membros. O medio, porén, xiraba nun ritmo similar ao dos seres que o viven. Os pobos mediterráneos hipotecaban decisións por estes; os pobos atlánticos facían algo similar. O outro día coñecín en persoa como, algún día de hai decenas de miles de anos, o primeiro sapiens, ao tentar explicarse un feito incomprensíbel, descubriu a primeira explicación, a maxia, a manipulación do descoñecido.

Levaba varios días traballando en cuestións de aves rapaces, preparando un tema xornalístico. Saio moito ao monte, pero non estou acostumado a buscar nin a ver fauna, e menos aves rapaces a menos de cincuenta metros de distancia. O outro día, perdidos nunha frouma montañosa, atopámonos un azor á beira da estrada. Ao pasarmos co coche, o azor comezou a voar. Pero fíxoo movéndose en paralelo aos cristais do coche, acompañándonos pola estrada. Logo desapareceu. Perdímonos e dimos vinte voltas. Ao cabo dun par de horas volvimos pasar por alí. E o azor seguía á beira da estrada, ollando para nós, no mesmo lugar. Paramos o coche, escoitamos moitos chíos, e de súpeto, fronte nosa, descubrimos unha batalla aérea. Unha parella de azores defendía o seu niño do seu invasor a poucos metros de nós.

Pensaredes que ando tolo, pero foi como se o ritmo da natureza e o do meu cerebro e corazón, durante uns minutos, fosen na mesma dirección. E descubrín que iso debeu ser, ao principio, nunha noite escura do Paleolítico, a maxia.