galgueira

20 Xuño, 2005

Prevendo que moita xente se dará á bebida despois destes resultados electorais e algúns, se cadra, máis aínda despois do día 28, permítome frivolizar recomendando un: o Galgueira branco. Como arousán un tanto celoso, desconfío dos brancos do interior. Pero o Galgueira, un godello producido pola adega de Xermán Rodríguez Prada, D.O. Valdeorras, ten un sabor estremado, rico, cheo de matices, case cun fondo de tinto. A xente dese miragre da cociña mariñeira tradicional que é a do Garsán tróuxoo coma o último dunha especie de 2.000 botellas.

O viño é tan intenso que mesmo estou convencido de que faría unha maridaxe excelente con produtos algo máis fortes e arriscados que o peixe. Polo de contado, compartino ao carón do mar da Arousa, con dúas das mellores persoas deste mundo. Neste tempo, fai falta que a xente esteamos xuntos, moi pretiño.