falsificación

16 Xuño, 2005

cafe_paris.jpg
M. paseou pola libraría Henri Vignes en Saint Jacques. Gustáballe o ambiente repousado, intelectual sen pedantería, entendido. Alí tivo atopado algunha edición interesante de segunda man pero a súa grande paixón actual eran os libros grande formato. Escolleu varios deles: unha magnífica edición de grafías de mandalas tibetanos, un par de Riccis de miniaturas do Quattrocento, un tomo de Dorothea Lange e un colorista Sixties Design. Co seu pesado botín, achegouse ao mostrador e deulle un cartón de crédito ao dependente. O rapaz encolleuse de ombreiros, o terminal non llo aceptaba. M. sorriu e ofreceulle unha Visa que, esta vez, si entrou. Deixou os libros no coche e foi dando un tranquilo paseo por l’Estrapade. O verán, que está chegando, enche París de alegría de tirantes e bicicletas con axóuxeres. Gústalle pasear co xornal baixo o brazo mentres mira as estudiantes nos balcóns do Quartier. No paseo demora tres cuartos de hora,
ata sentar nas terraciñas dese restaurante da Place de la Contrescarpe que tanto lle gusta. Dáse unha cena estupenda con Marie: había anos que non a vía. Seguía espléndida, como máis segura e confiada de si mesma e cun punto de desquicio que só dan os anos de traballo. Beberon. Cearon. Mentiron.

El invitaba. Puxo o cartón na bandexiña. O camareiro volveu de contado: “Desculpe, temos un problema co cartón”. El sorriu amábelmente, facéndose cargo da situación e entregoulle a mesma visa de antes. Todo foi sobre rodas. Logo, continuaron o paseo. Marie tapouse cun chal. O relente da noite, aínda é cedo para a estación.

-Alégrome de que volveras a París -dille nun momento que el non espera.
-Agora son unha persoa nova -respondeu el.

Ese cartón rexeitado nas dúas transacións foi unha falsificación do meu co que tentaron a estafa o pasado martes. Por sorte o meu banco reaccionou de inmediato e paralizou ese cartón coa miña identidade roubada quen sabe onde. O que máis me marabilla é que, posíbelmente, eu tería estado nese mesmo lugar e feito o mesmo percorrido, de ser o meu clon e mesmo, mesmo tería ceado con Marie.

.