Restaurante El Mercadito, en Santiago: unha promesa máis que real

8 Xuño, 2005

Un núcleo duro de compostelanitas agarda con certa vehemencia a apertura de todo restaurante novo e pelexa con bravura por facerse un sitio de reserva en venres. Ollo: na cidade hai nova carnaza, e esta vez vén un tanto glam, cun frontal de bar dourado e coidadamente excesivo e un interior cortinado e de vistas conscientemente negadas. É El Mercadito (Galeras, 18 / 981574239), dirixido polo chef Gonzalo Rei, formado na próxima Escola Galega de Hostelería. Os venres hai unha insólita concurrencia de vestido lixeiro e camisa insólita estilo Bisbal, case estraña para o ambiente nocturno compostelano.

El Mercadito parece seguir esa estraña vinculación que teñen os restaurantes moderniños compostelanitas co arroz, atopándolle un acceso directo ao cool pasando pola costra alicantina. Primeiro foi o Mediterráneo: marcándolle o éxito tentouno a Curtidoría con máis vontade que fortuna; El Mercadito pasa a peaxe, pero especializouse nunha franxa pouco explorada para os fritidores de zorza e os asadores de lubina da cidade: a cociña de tempada, sexa o que sexa iso. Eu probeino cunhas cocochas de tenreira -xarrete, para entendermos- e Bob Oe con pescada a 65º. O produto defendeuse con alegría, mesmo cunha preciosa presenza plástica, aínda que co pouquiño de falta de rodaxe da que podería ser culpábel a mocedade do espazo. O prezo, sen embargo, falaba coma un veterano: non hai quen o baixara dos 30€, o cal o sitúa do lado rico do Río Grande e, polo tanto, nunha perigosa fronteira de desaparición para esta pequena cidade. Seguirémoslle a pista a Gonzalo Rei. E moita sorte.

Actualización: Despois de comer varias veces alí, xa non é preciso desexarlle sorte a Gonzalo Rei. Este novo chef ten algo máis importante que a sorte: ten sabiduría e arelas de perfección. Estamos ante un dos grandes restaurantes de Santiago de Compostela, un espazo para o deleite dos sabores pero tamén para apreciar técnica, mestría e modernidade. Farémoslle un segundo post!

.