
Resistencia e máis eu descubrimos un novo deporte:
Saes co coche para unha zona da que non tes referencias arqueolóxicas. Localizas un castro. Subes a el e exploras o horizonte ata calculares onde están outros castros cos que se comunicaba visualmente e corres cara eles para tentar visitar o maior número posíbel nunha tarde, trasladando así estupendamente o stress da semana ao finde. Aínda que soe raro, é profundamente entretido: tes que saber recoñecer que parte do relevo pode ser artificial e levar a túa cabeza a unha viaxe do tempo bimilenaria para que entenda o territorio en termos de defensa, estratexia de control de comunicacións e rápido acceso a terras de labranza. En termos de labrego soldado.
Comezamos a aventura comendo no Refuxio -unha das mellores empanadas de zamburiñas do mundo-, en Merza. E de aí, o coche comezou a levarnos a lugares insólitos. Esquivamos espiritados no Corpiño para subir ao Castro de Losón, que descansa na aba dunha vella igrexa románica. Nunha columna ten unha enigmática inscrición con alfabeto do XIII que cambia de sentido cando o sol lle sopla de cheo. Nalgures está enterrado Loriga, o aviador que fixo o primeiro traxecto Madrid Manila e que aterrou co seu avión no Monte do Toxo, de Lalín, no 1927, aten o abraio xeral. Iso avísao unha vella que sulfata tumbas. Logo mergullámonos en vales mínimos e verdes, devesas húmidas e santuarios barrocos con miles de cruces rañadas con tella na pedra nunha sorte de graffiti advocatorio. Nunha volta da estrada, atopamos o Castro da Gareta: sobre el toca o saxo e bailan as cantantes de rotundas pernas labregas as festas de nadal nun terríbel palco. Descendemos por Vila de Cruces ata chegar a Merlín.
Si, digo ben, Merlín. En Vila de Cruces. Nun cordal de ventos, o seu castro ten unha coroa de penedos castigados polo tempo. Moi antigo, antiquísimo, esfarelado polos temporais. Dende el, o territorio é pequeno, verde, tapizado. Alén del, movémonos por un pazo en ruínas, abandonado nos 60. Apreciamos a triste división das habitacións da época: tabiques ínfimos que compartimentaban espazos, cortinas luídas: cando chegou a hixiene dos cuartos de bano, os habitantes avanzaran a casona contra unha beira: sentado na taza do váter podías apreciar enfronte túa aquel blasón de pedra familiar que antes daba a benvida ao visitante. Subimos ata os campos da feira; pasamos á Golada e logo a Antas de Ulla. En Amarante perdémonos: primeiro no Castelo, e logo no Pazo de Santa Mariña, unha marabillosa estancia aristocrática destrozada polo minifundio máis alevoso. Antas é terra de castros labradores e os seus sedentarios habitantes fundaron as aldeas actuais baixo os muros das vellas acrópoles. A Ourela de San Xusto levanta as murallas de máis de 12 metros sobre a comprimida aldea. Ao fondo, ao final, no lusco fusco, distinguimos a romántica torre do Castelo de Pambre. Decidimos continuar polo val do río do mesmo nome, xa perdidos case na noite. De súpeto, as luces dunha muralla sobresaen na noite do bosque. É o Pazo de Eidián, do que xa falei antes, antigo solar dos monxes templarios, posterior casa solariega e convertido en castelo polas tropas realistas que loitaban contra a guerrilla carlista. Entramos no patio emparrado, disfrutando da brillante restauración, puramente contemporánea, do complexo recinto.
-¿Vindes ceados? -pregúntanos o dono- Dígoo porque temos unha carne richada que non podedes perder.
Decidimos ficar e ceamos sós nun precioso comedor, excesivamente grande -e caro- para un lugar no que a súa clientela potencial -Santiago e Lugo- fica a máis de 50 quilómetros de distancia en ámbalas dúas direccións. Temos unha sorte de resaca visual que un lugar como este pazo permite recoller. Gústame a atmósfera, e o silencio da nada.

Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 

