xornais e tortillas

17 Maio, 2005

Hai un pracer un tanto perverso, excesivamente íntimo, só digno de ser custodiado por cortesanas bizantinas, co que disfruto todos os 17 de maio.

Achégome cedo ao meu quiosco e miro os xornais galegos coas súas portadas escritos en galego, convivindo coas cabeceiras estatais en castelán. E parece tan normal. Tan fodidamente normal. Nada caeu no mundo. A xente merca o xornal acompañados por unha fresca barra de pan. O prohibido pracer da normalidade!

Imaxínome a pouca normalidade coa que ven o mundo os xerentes dos medios, imbuídos de escuros complexos urbanos, e os castelánfalantes expertos consultores en medios. O paso sería sinxelo, doado, estou convencido de que positivo, mesmo comercialmente. O dia no que na Comarca desembarquen en serio os grandes grupos editorias, habemos de ver as imprecacións e laios dos que crían que o futuro a medio prazo do seu negocio de comunicación eran as promocións de culleres e coitelos co escudo de fútbol local e non cousas tan inúteis como a innovación ou a diferenciación.

Logo poño a televisión. A TVG retransmite durante 15 ou 20 minutos o momento no que os sufridos pinches de Carcacía dan a volta, cun enorme guindastre da construción, a unha tortilla de patacas de 5.000 ovos. Nada teño contra a festa gastronómica, e menos contra as festas en xeral, máis ben todo o contrario. Pero, ¿que imaxe queremos dar do país no exterior, cando a televisión pública nacional retransmite nun horario de bastante audiencia o volteo dunha tortilla xigante? ¿Que tipo de seriedade, de modernidade?

O peor de todo é que fico pasmado vendo a manobra. Pero non hai problema. Logo repaso a presencia do noso Presidente en América Latina, e escóitoo facer promesas, moitas promesas. O máis abraiante é que as máis importantes delas é sobre cousas sobre as que non terá competencias se volve gobernar! ¿Saberán iso os seus posíbeis votantes da emigración? Ou, o que é máis importante, ¿importaralles sabelo?

.