
Quen siga moito Capítulo 0 sabe que non falo habitualmente do meu traballo e si moito doutros intereses que enchen o que me fica de tempo libre tódolos días. Pero hoxe quero falar dun proxecto, recén publicado, do que me sinto especialmente satisfeito.
Exiliados é o contido especial conmemorativo do Día das Letras Galegas que publicamos en culturagalega.org este ano. A homenaxe a Lorenzo Varela pareceunos un principio interesante para profundizar nun dos procesos históricos máis dramáticos para o país no século XX: a perda de moita da súa mellor xente por culpa da intolerancia e o fascismo. Esta é unha das ideas centrais do contido: a liberdade de pensamento, a tolerancia, a comprensión. Un valor que segue a ser moi necesario recordar continuamente.
A segunda foi o interesantísimo proceso de actividade e de loita pola preservación dos valores da democracia e da cultura: os exiliados actuaron baixo o lema pensa localmente, actúa globalmente, desenvolvendo unha intensa actividade nun momento de precarias -para os valores actuais- comunicacións. A devoción a unha causa que, mesmo nos peores momentos, non consideraron perdida, é un exemplo de cidadanía.
O noso contido, feito en colaboración estreita co Arquivo da Emigración Galega, profundizou nos nomes e apelidos, na historia de a pé, enfocado en dous niveis, como se ve no gráfico. Na zona superior, tentamos contar a historia de xeito gráfico para público á que nunca lle falaron en serio e con amenidade sobre o exilio, empregando formatos de animación e infografía.
Na zona inferior, ofrecemos un variado menú de contido para penetrar na historia a partir do medio que un prefira: arte, pensamento, historias persoais, música e voces -¡tan vivas!- ofrecidas polo Arquivo Sonoro de Galicia.
Vímonos forzados a limitar o contido para chegar cun mínimo de respiración ao Día das Letras, pero o obxectivo é que se convirta nun gran arquivo para público xeral sobre este importante proceso histórico.
É o menos que se podía facer.



Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 




