tambre

11 Maio, 2005

tambre.jpg

Alí á fronte está a Devesa de Nimo. Coma outros tesouros naturais do país, parece vivir nun agachado último reduto. Paseamos con Saborido ata o lugar, beirando o Tambre, precioso, dende a central de Fenosa. Alí, ao principio do caminiño, pódese ver o edificio das turbinas, un soberbio exemplo de arquitectura industrial construído polo brillante Antonio Palacios nos anos 30 baixo a pesada inspiración da igrexa de San Martiño de Noia.

Falamos moito de pesca de río. Saborido ensínanos os trucos. Alí están as pesqueiras, pequenos valos fluviais para pescar a lamprea. Este prehistórico animal desaparecera, pero hai uns anos -mercé a que a compañía electríca restituiu o caudal real do río- volveu, lentamente. O salmón continúa a ser unha especie máxica, coidada: ás veces parece que os gardas coñecen a todos os exemplares con nomes e apelidos. Saborido fálanos dun punto máxico a onde guiou a un coñecido catedrático. Era unha posición milimétrica entre as pedras e as correntes do río. Ao final, o profesor levantou un enorme reo.

-Púxoseme sorriso de Caudillo -conta Saborido que dixo aquel profesor mirando a súa presa.

.