
Ridley Scott é autor dunha das mellores películas bélicas dos últimos anos: Black Hawk Down; para min, é un director moi coidadoso dos seus escenarios, da produción, da ambientación e da fotografía. Dentro dun ton película de entretemento, sempre me pareceu, ademáis, un director bastante político.
A mágoa é o Reino dos Ceos este. Porque trala enorme campaña de marketing agáchase unha historia inconsistente, contraditoria e difícil de atrapar dentro dun marabilloso tratamento visual e escenográfico. Creo eu que se gastas unha pasta en facer decorados e pagar extras, non costaría tanto alugar a un bo equipo de guionistas que, cando menos, te peche as tramas ou dea algo de coherencia por respecto ao espectador cun mínimo de esixencias!
E outra: estamos fartos de batallas. Sempre o mesmo esquema: o segundo de silenzo antes da explosión, os sesiños xiringando por un furado do casco do inimigo, os travellings laterais, o temor, o plano final estrado de cadáveres. Outras películas históricas son posíbeis.

Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 

