San Millán

27 Marzo, 2005

san_millan.jpg
(muralla do castro de San Millán)

Hai unha estrada prodixiosa para a arqueoloxía: a que dende Xinzo de Limia chega até Cualedro. Primeiro está o castro de Saceda, do que xa teño falado. Seguindo no camiño, baixando do coche, atópanse as ruínas romanas de Santa Marta, unha especie de vila -non atopei referencias- sobre a que se ergueu unha pobre capela. Un sabe que chega porque os campos do redor, levantados, están inzados de anaquiños de tella. O acceso é moi confuso.

Pero a sorpresa é o Castro de San Millán, unha enorme acrópole perdida nun val despoboado. Ten o mellor estado de conservación natural que me teño atopado do pasado galego. Imaxinádevos un poboado de hai mil oitocentos anos abandonado, pero sen sufrir alteracións, roubos, saqueos, só coas enrugas do tempo -e sen toxos. Tal e como o deixaron. Con dúas liñas de enormes murallas. Con algunhas casas en pé -en pé!- de 1′80 m. Un libro aberto.

casa_sanmillan.jpg
(unha casa do recinto superior do castro)

Lembrei as afirmacións dos últimos anos -que se explican nalgúns libros divulgativos sobre a época castrexa- con respecto a que ese pasado era pacífico e que as murallas dos castros erguíanse por ‘funcións simbólicas’. Imaxínome ao meu avó deslombado, cargando pedra para a muralla, pensando nas ‘funcións simbólicas’. Non creo que a nosa última mentalidade aldeá fose demasiado diferente á dos agricultores da Idade do Ferro: economía, eficiencia, rendemento alimentario; tres boas razóns para iniciar calquera obra. Ao atopar alá embaixo os portóns de entrada, no canón do río que beirea o recinto, agachados nunha esquina para forzar a que a entrada ao castro fose, como moito, de dúas en dúas persoas, pensei en todo o que non sabemos sobre esa época da nosa historia. O castro, romanizado, debeu vivir tempos de guerra.

san_millan_sixpac.jpg