
No Couto Mixto, nesa raia brava con Portugal, caen trondas enormes de chuvia. A auga lava todo, como borrou da memoria dos seus habitantes esa exótica ínsula de liberdade civil no Antigo Réxime que foi ese camiño privilexiado de comercio. Hai un val deserto, grande, vizoso, ás portas das tres aldeas, sobrevoando por sombras con ás. A fronteira, esa entelequia absurda, faise unha terra grandiosa que xa hoxe, despoboada, non é de ninguén. A grisalla do céo fai penumbra entre o granito. Dúas mulleres pasean con cirios nas mans. Todos os gatos son diminutos. As casas teñen fiestras mínimas. Os horizontes teñen os ollos entreabertos.
Cruzamos a Portugal, coma tódalas Semanas Santas. Caemos na Miranda de Tras-os-Montes, nun solitario lugar chamado Chaçim. Hai as ruínas dunha fábrica de seda. E un mosteiro con metopas, feísmo e arquitectura vulcaniana empoleirado nun embigo do mundo. Alí adórase a un tétrico e venerábel frade. E tamén unha fermosa cama, un belo solar no que confundirse entre as oliveiras.
En Peredos, o Saldanha serve a posta mirandesa, unha deliciosa carne moi adobada; antes, precédea un soberbio queixo ao pimentón e unha discreta marabilla: as alheiras. Son salchichas de diferentes carnes mesturadas -año, porco, tenreira, polo-. A súa orixe é xudea: tratábase de agachar ante a Inquisición de que non se era comedor de porco. Quen queira, tamén pode entregarse á sabrosa costeleta. Coma sempre, os restaurantes típicos do país non fallan. En Bragança visitamos o famoso Manel, onde os filetes de polbo con arroz con legumes ou os osiños de porco son lenda xustificada. O castelo, a enigmática Domus Municipalis prestan á vista, pero as casas da cidadela son de perigo de derrube. Son as fendas deste país ás veces tan contraditorio.

Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 



