leccións

21 Xaneiro, 2005

O mellor de onte, sen dúbida: John Lee Anderson e Ramón J. Campo, dous xornalistas de raza -como se di-. Falouse moi pouco de Internet e si dese xénero do que só sabemos polos libros -xa que está desterrado da prensa galega- que son as grandes reportaxes. As grandes reportaxes conséguense con pasta, tempo e disposición. Anderson publica 4 ou 5 traballos en The New Yorker por ano. Claro, viaxa moito, persegue ás fontes, tómase ao seu tempo. Seguramente, currará tanto coma un xornalista de edición diaria, pero os seus textos conseguen acabados espectaculares. Contou como se montan as escenas da reportaxe, e sorprendeume como se parecía, no fondo, a súa técnica a un guión cinematográfico. Campo -pouco coñecido pola nosa terra- foi o responsábel dun fantástico especial multimedia do Heraldo de Aragón chamado El oro de Canfranc. Fíxose coñecido nos últimos tempos porque foi quen desvelou a trapallada que se fixera cos militares españois non identificados no accidente do Yak 42 e soterrados rapidamente polo Goberno español para ocultar o escándalo. Sorprendeume o seu compromiso ético coas vítimas das desgrazas que el reportaxea e a súa técnica de traballo: “prefiro chegar aos lugares unha semana despois para obter unha perspectiva máis rica dos acontecementos”.

Non me resisto a contar anécdota de abuelete de Anderson: Entrevistaba ao Presidente de Liberia no seu pazo. Os soldados da garda, bébedos, atracaban aos incautos, fusil en man, nos mesmos corredores do edificio presidencial. Acababan de facer un meigallo porque atoparan un bufo nos xardíns e seica era un agoiro de morte. Como parte do ritual, cortaran tódalas árbores da finca e participaran nunha borracheira ritual. O asesor de seguridade do presidente, “acaba de morrer e o mundo é mellor sen unha persoa coma el”, atopou a Anderson nun corredor:

“Como che vai, John?”, díxolle.
“Ben. Marcho hoxe”, contestoulle o xornalista.
“Ah, que bo, que bo…”, dixo o asesor.
Anderson, desconfiado, preguntoulle por que lle parecía iso bo.
“Porque conseguiches saír de aquí nunha soa peza…”, respondeulle o asesor.