santa mariña

21 / November/ 2004

in Diario

augas_1.jpg

Na aldeíña, onda a igrexa románica de Santa Mariña de Augasantas, dannos unha vela e un mecheiro para visitar o Forno. E alí baixamos, entre os prados, seguidos por un palleiro que semella coñecer moi ben o camiño. Ao cabo dun tempo, atopamos esta igrexa cercenada, camuflada entre as árbores da veiga de Armeá. Onde debería estar a entrada do presbiterio hai dúas pequenas portas que descen á cripta. En realidade, este edificio a medias foi feito polos Cabaleiros Templarios para protexeren un antiquísimo forno castrexo que logo a tradición relacionou co culto a Santa Mariña.

augas_2.jpg

Camiño pegando a vela ás bóvedas para que a luz rebote e se estenda entre os arcos. O silencio da cripta é espectacular. E o forno, moito máis vello que esta antiga igrexa a medias, fica ao fondo. Hai algunhas laudas, unha fonte soterraña, o son da humidade, a figura dun peixe longo gravado na entrada deste recinto sagrado castrexo que aínda segue a ser un misterio para os investigadores. Ao saírmos, distinguimos murallas no lusco fusco. Un petón xigantesco devora a noite.

Se Dan Brown andivera por aquí… ;-)

Comentarios pechados neste post.

Previous post: camaleónico

Next post: praceres