neve

18 Maio, 2004

lagoela.jpg

Foron días absolutamente plenos e felices. O mellor, seguir a liña de cumios de El Cabril, en Cangas de Narcea, a 2.000 metros de altura, enchoupar os pés na neve e avanzar, gabear no alto dos montes uliscando coma bestas o camiño real sepultado nalgures baixo o enorme manto branco. A emoción de tentar descubrir os vellos carreiros nas leveás pegadas dos rebecos sobre a neve, andar e afundirse ata máis abaixo do xeonllo. Respirar. Unha mansa sensación tranquilízanos despois dun mes e medio asustado de máis. Os ollos reflíctense nos lagos do desxeo: os regatos multiplican o caudal ás tres da tarde.

Percorremos o territorio máxico da Asturias cantábrica, onda as uralitas esmorecidas da mineiría, as centrais térmicas, os bosques inmensos, a paz e a grandeza das florestas de Muniellos. Só vinte persoas ao día poden entrar neste paraíso do bosque atlántico: facede a reserva con tempo na Fundación Oso de Asturias e resignádevos a que vos toque durante a semana laboral. Mesmo se podedes noutro momento, a comarca paga a pena. Logo gardádevos a durmir nas casas rurais da zona. A que nós collimos, Casa Mario: barata, cun opíparo almorzo e unha atención moi agradábel.

.

{ 0 comments… engade o teu agora }

Deixa un comentario

Podes usar estes HTML tags e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>