Vitres

9 Maio, 2004

Camiñamos o sábado ao Leste do Camiño Real que atravesa a serra. Descubrimos un valciño secreto alén do Outeiro dos Corvos, baleiro de vieiros, pistas e rastro humano, que non pode ser visto se non é dende el mesmo. Un vello camiño aparece e desaparece: axeónllome para tocalo. Vexo as rodeiras ata que o perdemos no prado, simplemente desfaise na herba nunha percepción absolutamente máxica. Por algunhas lousas ben colocadas, sospeito que é a calzada que gabea polo Castelo de Vitres dende Mosquete.

Cruzando o monte chegamos ata as penedías que gardan as súas ruínas esmorecidas. O castelo está tal coma o deixaron, non sabemos moi ben cando. O meu amigo Moebio está convencido de que Vitres vén de Victrix, é dicir, de Legio VI Victrix, a Victoriosa, a 6ª Lexión do Imperio destacada na Gallaecia. O castelo, se é que foi tal, está inzado de tella romana, ameixas, mexilóns e berberechos entre as pedras a 500 metros de altura. E unha lousa misteriosa con cinco furadiños que coinciden cos dedos dunha man e que me recorda a unha ara romana.

A este lugar dunha forza prodixiosa atópolle moita semellanza co Monte Facho de Cangas.

Zoa o vento e as pedras caen a rolos por desfiladeiros húmidos.

Estou vivo. E non é unha certeza, é un desexo.

.

{ 1 … Le abaixo ou engade o teu }

1 Ángel 01.23.07 at 5:05 pm

O máis seguro é que veña de victrix pero pode ser a VI ou XX. De tódolos xeitos castelo non ven de castillo senón que é un disminutivo de castra romano, ou sexa, pequeno destacamento no monte. Lee isto.

“La catedrática de Xeografía e Historia Blanca Caamaño -que participó en las “Xornadas de Introducción á minería” organizadas por el Concello y la asociación “O Faiado II”- indicó que todas las hipótesis apuntan a que durante la segunda etapa de la mina, las excavaciones fueron realizadas por presos políticos que estaban en el campo de concentración de A Pobra, y con toda seguridad, fueron ellos los que también realizaron la calzada de Vitres. Dijo que un estudio recoge que en el 1929 los alemanes ya tenían acciones en Arousa “incluso había un posto de observación alemán en Vitres que non sabemos cal era a finalidade”. La experta dijo que cuando conoció el proyecto de las obras de la autovía, explicó a la Xunta que se iban “a cargar” una enorme mina de estaño “e só colleron con GPS a ubicación dos pozos”, alegó”.

Un saúdo.

Deixa un comentario

Podes usar estes HTML tags e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>