Aínda que os calendarios me machacan no fígado, a sensación de atravesar unha cortina de auga sempre me aparece ao chegar ao fin do ano.
Mirar para atrás non sempre é doado: mirar para diante é pura incógnita. Non me gusta demasiado definir plans de futuro: pode resultar moi frustrante. E ás veces detéñome excesivamente no pasado. Hai tempos que se van esgazando coma asfalto demasiado rodado.
Aínda así, o meu pasado deste ano, o meu pasado de aquí do lado, da miña pel, é un pasado ledo, contento, satisfeito por saírenme as cousas mesmo máis ben do que eu quixer. O meu pasado cidadán, pola contra, está cascao por petróleo, uranio enriquecido, cheiro a sudre, pólvora, cámaras nos recantos das rúas, Big Brothers e unha sensación constante de ter o pelo ben tomado por políticos cabestros e irresponsábeis. Coido que, xa non cambian os políticos, teremos que construír outro xeito de ser cidadáns. E non sei moi ben como.
2004. Será un bo tempo se queremos que sexa e nos deixan. Ata xaneiro, nenes. ![]()



Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 





{ 0 comments… engade o teu agora }
Deixa un comentario