Días estes de vertixe: chegou Sole dende o Uruguai. Consigo chegar para recollela no aeroporto. Estou na saída A, na que queda ao final de Lavacolla. Ao meu redor, toda unha diversa fauna humana agarda tamén aos seus. Sancho Panza dicía que nacemento e morte igualaban as clases sociais. Coido que as portas dos aeroportos tamén. Quedo pampo. Chega o voo de Heathrow. Un matrimonio de clase alta agarda ansioso. Ábrese a porta automática. Aparece unha adolescente calva cunha gorra de béisbol acompañada da súa irmá. A rapaza abraza aos seus pais chorando. “Estou sá, estou sá”, salouca. Viñan de Houston, Texas. A calvicie delata quimio. Logo chega unha moza duns vinteoito anos que leva nas mans un bebé. Un grupiño de señores maiores agardan da outra beira da cinta. A rapaza déixalle o bebé a unha señora non moi maior. Ao avó lle chispan os ollos: tiñades que ver como lle brillaban. Saen tamén dous xesuitas de mediana idade, fracos coma mistos, con sendos maletíns negros. Buscan a alguén entre os que esperan. Non o atopan e marchan a grandes trancos para o exterior. Dous inmigrantes sudamericanos aparecen con pequenos bolsos deportivos e buscan ansiosamente a un compañeiro, de bigote, que os agarda entre nós. Deben ser centroamericanos. Catro familias agardan a catro mariñeiros; unha filla adolescente móvese nerviosa mentres as portas autmáticas abren e fechan. Sei que esperan a mariños que traballan en petroleiros porque eu agardei, cando neno, moitas veces na porta dese aeroporto. Cando chegan, coñécelos: todos son meu pai. Homes de mediana idade, con ollos algo perdidos e cazadoras de pel mercadas en Emiratos Árabes, en Dubaï, en Ceuta. A penas teñen un bico na meixela das súas mulleres, a penas unha caricia. Nas sociedades mariñeiras está mal visto máis efusión. Esa caricia inesperada dunha muller de meixelas encarnadas pola calefacción poucas veces sufrida é o símbolo do trebón sentimental e fisiolóxico do interior. E logo, ábrese a porta, aparece Sole.



Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 





{ 0 comments… engade o teu agora }
Deixa un comentario