De viños con Wagner


Fotos: Sole

Creo que a estas alturas xa teño andado todas as paisaxes do viño en Galicia, as máis importantes da Península e algúns pagos dos máis representativos de Europa. E non me doen prendas en dicir que, posiblemente, as ribeiras do Miño que van desde o antigo mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Miño ata a aldea de Belesar no concello de Chantada é a máis fermosa paisaxe do viño de Galicia e unha das máis bonitas da Península (senón a máis). Xunto ao espectacular aproveitamento do monte en socalcos coroados de cabeleiras verdes de bosque atlántico nas cimeiras dos outeiros -o mesmo que nas máis famosas ribeiras do Sil en Amandi, que se atopará con este Miño nos Peares-, aquí, na Ribeira de Belesar, dáse unha circunstancia miragreira que vos vou contar.

Non sei se habería investimento público detrás, en plan proxectos Leader -o meu optimismo conxénito quere crer que non-, pero aquí pasou algo importante. Os propietarios de viñedos comezaron a preocuparse da paisaxe e da vista dos seus socalcos. E nos antigos alpendres comezaron a construír solainas de madeira, a construílos ou forralos con pedra do país, ata o punto de que toda a visión destas fermosas viñas insoladas polas primeiras calores do verán son marabillosas, limpas, coidadas e sen feísmo, ladrillos, uralitas ou bloques de cementos no horizonte. Todo parece coordinado pero debeu ir aparecendo aos poucos, ata hoxe. O resultado, unha paisaxe que sobrecolle a todos os que a ven. Fagan a proba.

Baixamos por estas retortas estradas entre o viñedo e paramos a comer na Adega do Veiga, unha adega que comezou a ofrecer comida caseira, xusto enfronte da adega Vía Romana (só hai que seguir as indicacións ata esta e está enfronte). A familia abriu hai mes e medio e é moi recomendábel, como verás: croquetas, empanadillas, polbo á prancha, un impresionante capón, postres caseiros, café e chupitos por quince euros por barba. A adega ofrece o seu viño: entre o tinto (monovarietal mencía ou o outrounpoucodetodo) e o branco quédense co mencía.

Localización no interior do post